A N-651 ou o infravalorado pracer de recuncar

Imaxe
O infravalorado pracer de recuncar. Nestes tempos nos que só parece interesante a última apertura, o prato que ninguén probou, hai quen pensa que quen repite é que non ten onde ir. Eu coido que o que ten é memoria, e que poucas cousas hai tan ben gastadas coma un sábado repetido. O meu ten número de estrada: a N-651, a de toda a vida entre Betanzos e Ferrol, que un percorre sen mirar os sinais porque xa os leva aprendidos. Ten curvas que coñezo polo nome e dúas paradas que non perdoo. A primeira, en Laraxe. Chámase ao timbre da Vinoteca O Gaiteiro , ábrese a porta e o tempo perde autoridade. Champán, anchoas e conversa con Suso para a previa, que non é preciso inventar cousas cada día. A segunda, a cinco minutos, en Magalofes. No Muíño do Vento agardan as monumentais ameixas de sempre, desta vez babosa de ben pertiño, da confraría de Barallobre. Se Ban Varela di que hai que tomar salpicón de lumbrigante, tómase: bicho a esgalla, adubo leve. E un pedazo de pargo para rematar, coas...

O Gaiteiro (Laraxe): o último local analóxico


Até onte coidaba que O Gaiteiro era a anomalía espazo-temporal na que mellor se bebe do mundo.

Chamas a ese timbre, cruzas esa porta e algo troca: o tempo perde autoridade, cobra outro sentido. Falas con Suso dos seus corenta anos á fronte do negocio; aloumiñas os panos perfectamente pranchados, o mantel longo dos que xa non hai; decorren as horas como minutos, os minutos como horas; non agardas: conversas, escoitas, sempre jazz; non apuras, ¿quen ten présa?

O mundo gastronómico vive namorado da seguinte novidade, do seguinte chef, do seguinte viño, do seguinte concepto. Dalgún xeito, O Gaiteiro é un antídoto contra a novidade.

Sen modas, sen concesións efémeras. O centro de gravidade é a memoria, a paciencia; o criterio que só dan os anos, a curiosidade, o saber. Percorremos unha década de colleitas; percorremos Xerez, Champagne, Sauternes, Ribeira Sacra, Rioja, Ribera del Duero, italiana a mestura de vermuts. Escolma que non procura o novo, senón o mellor.

Até onte, dicía. Porque agora, ademais, sei que se pode comer moi ben no Gaiteiro. Xa o fixera cos fríos, na barra: xamón Maldonado, anchoas, cecina de wagyu. Desta volta sentamos á mesa: ventresca de atún con tomate, salmón con caviar e piñóns, foie con mazá, raxo (tamén de Maldonado) con pementos de Padrón, doces.

Cando saes, o mundo continúa exactamente onde o deixaches. Dentro quedan o jazz, a madeira, a calma e botellas que seguirán agardando. Dentro queda o último local analóxico.

Comentarios