A N-651 ou o infravalorado pracer de recuncar

Imaxe
O infravalorado pracer de recuncar. Nestes tempos nos que só parece interesante a última apertura, o prato que ninguén probou, hai quen pensa que quen repite é que non ten onde ir. Eu coido que o que ten é memoria, e que poucas cousas hai tan ben gastadas coma un sábado repetido. O meu ten número de estrada: a N-651, a de toda a vida entre Betanzos e Ferrol, que un percorre sen mirar os sinais porque xa os leva aprendidos. Ten curvas que coñezo polo nome e dúas paradas que non perdoo. A primeira, en Laraxe. Chámase ao timbre da Vinoteca O Gaiteiro , ábrese a porta e o tempo perde autoridade. Champán, anchoas e conversa con Suso para a previa, que non é preciso inventar cousas cada día. A segunda, a cinco minutos, en Magalofes. No Muíño do Vento agardan as monumentais ameixas de sempre, desta vez babosa de ben pertiño, da confraría de Barallobre. Se Ban Varela di que hai que tomar salpicón de lumbrigante, tómase: bicho a esgalla, adubo leve. E un pedazo de pargo para rematar, coas...

Un concerto de mar en Ríos O Freixo (Outes)


Seica lestes que hai unhas semanas fun ver os Foo Fighters. Entre outras cousas, porque xusto antes tocaban Queens of the Stone Age. Tremendo concerto, non menos tremenda a previa.

A fin de semana pasada foi, dalgún xeito, a versión gastronómica daquelo. Se domingo era Asador O'Pazo (post anterior), o solleiro sábado pasamos polo portiño do Freixo a gozar no Ríos O Freixo, en Outes. Os irmáns Vidal transmutados en Dave Grohl e os Ríos en Josh Homme, as guitarras en brasa e forno.

Cigalas, salpicón, carneiros ao natural. E despois, un rodaballo que xa non precisaba demostrar nada, pero fíxoo. Carne firme, zumarenta, saborosa, ese punto exacto no que o forno deixa de ser unha ferramenta e pasa a ser oficio. E Nando foi xeneroso: sacou un Sacabeira 19 de Iria Otero Mazoy, un exemplo máis (¿fan falla, a estas alturas?) do marabillosamente que envellecen os albariños ben feitos.

De sobremesa, camaróns cunha manzanilla pasada, no que xa se está a convertir nun perigoso costume 😉

Produto, precisión, viñazo. Das previas que logo un acaba lembrando como se fosen o concerto.

[Ah, e despois as paisaxes da Ría de Muros e Noia!]

Comentarios