Buxo Taberna (Cambre): palabras maiores a poucos minutos da Coruña
Líalle a Dani Carballeira hai uns días que Buxo Taberna (Brexo, Cambre) era a descuberta do ano, do século. Vindo de quen ven, reservei inmediatamente.
Hoxe, domingo de sol - por fin! -, os callos na terraza apontaban maneiras. E, cinco minutos na mesa, falando con Iván sobre os sólidos e os líquidos, xa sabiamos que aquelo ía dar certo: o tipo estudou co grande Antón Gaibor e a conversa de viños amosaba criterio, moito criterio. Moitísimo criterio.
Nós pedimos. E Iván sacou o paté de campaña con vinagreta e piparras, tamén as croquetas: ollo que estou aquí. Despois o xurelo marinado con tapenade e allo negro, as alcachofas con guanciale e xema no seu ponto certo, o steak tartar cun aliño presente pero non invasivo.
As palabras maiores chegaran coa monumental empanada de cocido. Monumental. E coa robaliza, difícil en beurre blanc, na cocción precisa. O lagarto, graxo pero xuguento, pechou a modo de sobremesa salgada.
O do líquido daría para un post enteiro. A botella condutora foi o marabilloso roibal (merenzao) de Ribeiras de Armea. Tiven a sorte de probalo do bocoi en Beade, pero coa botella gaña moitísimo. Antes, o Adorado de Menade fixo o traballo de aperitivo e de escudeiro das alcachofas; e un Celme, Ribeiro branco, compensou a graxa do porco. A Morena, nada máis local, para pechar.
A vinte minutos da Coruña. Ao mesmo tempo tan lonxe e tan perto. Anoten, persoal: Buxo Taberna. Non deixen de vir.

Comentarios