Gunnen (A Coruña) consolídase, voa!
Xa marcharan as outras dúas mesas e Chechu Rey levaba un anaco sentado á nosa. Falabamos daqueles vellos tempos do Agar Agar na Corveira, do xantar que se nos ía escapando co café, do que está aínda por vir.
Nós sorríamos porque viñamos de comer mooooi ben. Chechu sorría porque, mesmo sen expresalo con palabras – el é así –, sabe ben as cousas que está facendo. O nivel que xa ten Gunnen.
Gunnen, en neerlandés, é esa ledicia xenuína, sincera polo ben dos demais. É ledicia compartida: polo que un cociñeiro atinxe; por ver como o seu novo proxecto se consolida, voa; por comprobar que uns clientes de moitos anos gozan cada vez como se fora a primeira.
Pensaba eu, durante esa conversa, que nunca vira un nome mellor posto a un restaurante.
[E carallo se comemos ben. Ese prato de navalla, como me dicía alguén hai pouco, xa se gañou o seu posto no receitario galego de hoxe. Magníficos tamén os chícharos, a lura con lacón e trufa, as fabas lobas de Trives con grelos, os ourizos ou a berza con queixo e oliva. Até esquecín sacarlle fotos ao viño!]

Comentarios