O valor do local na Artesa da Moza Crecha (Betanzos)


A vista de Betanzos desde a Praza da Eira Vella é ben chula (última foto do post): o Mandeo, as barcas varadas, as galerías, as casas amoreadas por tras da rúa da Cerca. Tanto que ten un cadro de seu, coido que “Las tres barcas” de Francisco Lloréns.

Uns poucos metros á dereita está a Artesa da Moza Crecha, que non pode ser máis coherente con esa postal na súa clara aposta polo territorio e a identidade: moito produto da Reserva da Biosfera e, por suposto, unha carta ben chea – xa na primeira páxina – de viño de Betanzos, mesmo cunha maridaxe construída só con el. Nós fomos cun Ramallo de Pagos de Brigante, para saírmonos das escollas habituais.

Era a primeira vez: non dubidamos en escoller o menú longo. Vin unha cociña con moita intención, con gañas de contar cousas en cada prato. Eu quedo coas propostas menos complexas, máis directas: co intenso sabor do pisto que acompañaba o peixe (ou era ao revés), coa melosa faceira e o repolo, co ovo con patacas e chourizo, co petisco de sardiña ou o de paté de polo con panceta.

A sensación é de que hai moito bo por aquí: despensa, viño, idea. E que, cando flúe con espontaneidade, funciona.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar