A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Un ano despois, Javier Montero (Ribadeo)


Eu fago o que podo, pero temos tantas opcións boas en Galicia que, ao final, non queda máis que deixar meses (en ocasións bastantes, demasiados) de lapso entre visitas a restaurantes, incluídos os que me gustan moito. E iso non mola nada. Pero como todo ten unha parte positiva nesta vida, en troco obteño unha perspectiva moi boa do evoluir das cousas.

Cando hai pouco máis dun ano, tras moito tempo, volvía gozar da cociña de Javier Montero no seu restaurante homónimo de Ribadeo, escribía que alí seguían eses puntos precisos, ese produto, ese balance que eu lembraba de moitos anos atrás. Un verán despois, todo iso sigue alí: eu diría que cunha volta máis.

Por unha banda, os delicados acompañamentos da gamba e da vieira: xeado de tomate para o carpaccio da primeira, moi suave aderezo de ceviche para a segunda; cumpren a difícil misión de estaren aí sen molestar a ingredientes principais ben sutís. Por outra, pratos de sempre executados con precisión: a pescada, a croca á que lle sentan moi ben os champiñóns. No centro do menú, os vexetais ao poder: unha sardiña que gaña moito – en equilibrio e textura – cando é a berenxena e non o brioche quen a escolta; e un magnífico allo porro con carbonara.

Suma, e moito, a carta de viños. Fomos xogando con Tita, case en tempo real, co ritmo do bebercio e as características dos pratos que ían chegando á mesa. Só ollade para as fotos do final.

Vaia, non sei cantos meses van pasar até a seguinte visita a Ribadeo: agardo que poucos.

Comentarios