El Corral del Indianu (Arriondas): sabor asturiano na cociña dun autodidacta
Queda aínda algunha cousa que contar da expedición gastronómica polo Cantábrico. Unha delas, o xantar en El Corral del Indianu. Despois dalgún exceso de parafernalia michelínica, entrar nesa casona de Arriondas, ser recibidos directamente por José Antonio Castroviejo e atendidos pola súa parella Yolanda, sentar nese rústico e luminoso salón, gozar dun longo menú sen coreografías innecesarias... ¡que sensación más boa, centrarse só en comer e beber ben: reconcilia!
No gastronómico, a vea autodidacta de José Antonio materialízase nun longo menú de pequenos bocados. Presentacións diferentes cunha grande virtude: en ningún caso perden ou enmascaran o sabor; ao contrario, durante todo momento Asturias e o Cantábrico están ben presentes.
No macarón de millo e sabadiego (un embutido a metade de camiño entre chourizo e morcilla), na sardiña “Gueyu Mar”, no touciño con anchoa (o “chicharrón do Norte”), por suposto na fabada, na ostra do Eo con manteiga tostada, na troita, na costeleta, na versión dos queixos, no arroz con leite...
Foi un moi bo peche de expedición, xa de volta para Galicia. Só quedou a mágoa de non ter complementado o menú cunha ración de fabada tradicional. ¡Queda para a seguinte!

Comentarios