Unha historia de estrada diferente en Restaurante Delfino (Moeche)


Edificios impersoais, sen alma. Pouco tráfico na estrada, sitio de máis para aparcar. Comedores grandes, fríos, cunha estética funcional que ás veces raia no desleixo: deseñados para seren esquecidos.

Lugares que asociamos a unha certa idea de resignación, a ese territorio un pouco triste onde ninguén agarda ser sorprendido.

Algo rutineiro, previsíbel, case mecánico repítese en moitos dos restaurantes espallados polas estradas secundarias do país. Por sorte, non en todos; desde logo, non en Restaurante Delfino (Moeche, non moi lonxe de Ferrol).

Porque nada tiñan de rutineiras aquelas kokotxas. Menos de previsíbel o usuzukuri de dourada. Pouco de mecánico o linguado. Ameixas e peixe sapo á cedeirense na mesma liña: sen estridencias, precisos. Igual nos doces: un bo cremoso de queixo de Moeche e unha torrija de roscón. Criterio, intención, vontade. Outra historia.

Bebemos o delicado Fulcro Equilibrio de Chicho Moldes. Agora, disque nesta casa tamén hai espazo para sorpresas no líquido. Volveremos para comprobalo.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar