Sentidiño e precisión en Balarés Hotel (Ponteceso)
Lía hai pouco un artigo de María Nicolau no País que dicía, entre outras moitas cousas interesantes, que “nos está a quedar unha restauración gastronómica profundamente antipática, que exerce a creatividade contra o saber popular e o sentido común, en vez de alimentarse deles.”
Matinaba niso o outro día mentres gozaba de moito sentido común no menú de Balarés Hotel, a poucos metros da praia do mesmo nome. Catro salgados, precisamente executados e con ese punto xusto de personalidade que ensalza pero non distorsiona.
Navallas no punto certo cun aceite deses. A lura, mol e tersa ao tempo, cun mollo da súa tinta como ten que ser. O peixe á galega cunha pataca (de Coristanco, por suposto) e uns chícharos bágoa á súa altura e unha estupenda emulsión da allada. O arroz de porco celta para rematar antes das sobremesas. Nen máis nen menos. Sentido común, precisión. Sentidiño.
Salientable a escolma de viños, tamén. Fomos co Mirando ao Chao de Boas Vides e con esa xoia que é o Sitta Pereiras de Robustiano Fariña cos doces.
Engadide as paisaxes (e, se cadra un baño na praia), para antes e despois, e velaquí tedes un plan caralludo.

Comentarios