Viaxando no tempo con Lagar de Pintos
Quince anos. Tres lustros desque se vendimaran as uvas de Los Nietos 2010, de Lagar de Pintos. Estupendo. Once da colleita do 3.000 Cepas 2014, que nos levou a todos a Xerez. Nove da sorpresa da tarde-noite, o Lagar de Pintos 2016: albariño, Ribadumia, inox, botella e tempo. Puxo o listón ben alto desde o aperitivo.
Continuamos viaxando no tempo, de 2010 a 2023. Falando moito con Marta Castro. Da realidade do viño galego hoxe e do infinito potencial que temos se somos quen de quitarnos certos lastres. Rías Baixas e todas as nosas DOs e IXPs.
Rodolfus non foi só o anfitrión da velada. Como sempre, acompañou no prato con petiscos dos pequenos produtores de proximidade cos que traballa, aos que apoia: cogombro, navallas, cecina, queixo, tomate, pan, doces... todos con apelido, todos con topónimo, sempre presentes no momento de servir e explicar. Fidelidade máxima á orixe.
Oxalá moitas máis xuntanzas deste nivel.

Comentarios