A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Unha vez máis, coméndonos a ría de Arousa no Loxe Mareiro (Carril)


Non moito antes de sentarnos nos tallos da terraza, contemplabamos desde o alto da Curota a inmensidade da Ría de Arousa. Era un día de moita calor, deses de calima: a vista non era clara e a pequena illa de Cortegada apenas se distinguía entre Cabo de Cruz, o mar e o Xiabre. É unha paisaxe marabillosa a que se abrangue desde alí arriba, aínda entre a bruma.

Unhas pracenteiras horas despois, a mesma Cortegada asomaba por esa xanela do Loxe Mareiro que xa é un símbolo. Para entón, deramos conta de camaróns, mexillóns, volandeiras, carneiros, sardiñas, ameixas, polbo, navallas, salmonete, xurelo; xa beberamos albariño de Sanxenxo e mencía e caíño de Ribadumia; xa nos remollaramos aproveitando que subía a marea e falaramos do divino e do humano entre grolo e grolo, entre petisco e petisco.

Non foi planeado, en realidade casual o termos feito así o percorrido. Pero eu coido que case debería ser obrigatorio: que mellor xeito de apreciar, de agradecer todo o que nos da a ría desde o sitio no que mellor expresa a súa maxestade. E, hai que dicilo, tamén de entender que temos que mudar moitas cousas se queremos conservala, como merece, para sempre.

Comentarios