Casa Gaibor (Guitiriz): cociña de hoxe no lugar de sempre


Non tiña ningunha referencia, nin directa nin indirecta: só coñecía o que vía no seu perfil de Instagram e a historia familiar - unha taberna de máis de sete décadas - relatada na web, cunha nova etapa que comezaba hai pouco máis dun ano.

Porén, algo me dicía que alí se cociñaba ben. Así que onte, día de Galicia, tiramos para Guitiriz. E carallo se se cociña ben en Casa Gaibor.

Comezo polo pratazo do día (que case nos obligan a pedir: ¡canta razón levaban!). Unhas verdinas ao dente pero cremosas; un chipirón tenro que, ao ser cortado, espallaba a tinta sobre o guiso; unha leve capa cítrica e unha salicornia para aportar acidez e salinidade ao conxunto, equilibrándoo. Boísimo.

Antes, unhas tostas de sardiña afumada en moi boa parella co queixo do Cebreiro; unha melosa croqueta de lura na súa tinta; uns mexillóns de Lorbé en escabeche suave; e uns berberechos deses, gordos, dos que estouran na boca.

Para pechar, tralas verdinas, un sargo ao forno no seu punto preciso, cunhas patacas ben sabedeiras e un mollo que era case pilpil. Ben, para pechar exactamente non, porque aínda pedimos de sobremesa un par de cigalas ben xeitosas e un pedazo de queixo da Josefa.

Dicíanos Adrián que aínda está traballando para ter a adega ao seu gusto (á vista, cristal entre a pedra). Pero vaia cousiñas vai tendo xa. Sendo o Día de Galicia, non había outra que recorrer ao Mestre Mateo: ¡cómo estaba ese Gorvia 19!

En fin, encántame falar de proxectos así. Especialmente cando están en lugares como Banzas, O Fieiro, Malpica, Boqueixón, Fisterra ou Guitiriz. Cando rapaces novos, como Antón (cuarta xeración), apostan por manter o legado familiar, por facer boa cociña na súa vila, na súa casa, na súa terra.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar