NaDo (A Coruña): somos o verán, irmao

Imagen
Se David Mella traballara en NaDo diría: “Somos o puto verán, irmão”. Verán xantamos hoxe. Bonito, tomate, boquerón, escarola, sardiña*, pementos de Padrón, mexillóns, lumbrigante... Mola a nova estrutura de menús de NaDo. Hoxe foron os grandes clásicos - caeu a vieira con holandesa, por suposto; e, por suposto, tamén o flan - e peixe á grella para rematar a función: un tremendo rodaballo que ben podería ter sido un ollomol. Bos viños na carta: escollemos o fantástico Acios da Xesteiriña e unha pineau d’aunis do Loira, Galicia en Francia. Dicía Iván Domínguez : “Como non me decatara antes.” Iso, como non se decatara antes... 😉 (*) Mira que son pouco de gilda, pero esta... Ver esta publicación en Instagram

Anaco (Santiago): unha barra de sabores limpos e directos


Calquera escusa é boa para achegarse a Compostela: un voo de volta que aterra á tardiña é ideal, ademais, para argallar unha cea seguida dun paseo, de noite, o casco vello sen o rebumbio de turistas.

E se a cea foi das boas, como que o paseo presta máis. Foi o que aconteceu o outro día, camiñando case en silencio por San Bieito ou a ruela da Oliveira ao saír de Anaco.

Sentados na pequena barra, debullamos a parte máis mariñeira dunha carta ben apetecible. O máis sobranceiro, un prato caralludo que xa é sinal da casa e que abre o post: a robaliza á bilbaína, servida como un usuzukuri, tersa e sabedeira.

En realidade, ese foi o ton da noite. Bo produto, verán puro, ben acompañado sen estalo de máis. A sardiña, co pan e os pementos; as ameixas, apenas abertas na tixola; o tartar de bonito, con tomate, ovas de troita e aguacate; o salmonete, cun fondo de caldeirada; as luras, as patiñas ben crocantes, con cebola e a súa tinta (aquí si, tal vez demasiada). O xeado de queixo de San Simón con trufa puxo o final, máis salgado que doce, como eu gosto.

A escolma de viños, á altura: caeu unha botella do Raio da Vella de Rodri Méndez e tamén deu para probar algo de Antonio Míguez.

Boa opción, Anaco. Cousa sinxela, directa, con sabores limpos e viño do bo para acompañar. Na barra, ollando todo o pase, aínda mellor.

Comentarios

Entradas populares

¿Dónde tomarse un buen gin tonic?

¿El mejor asador de Coruña?

Restaurantes coruñeses: ranking 2008