A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Magoya (A Coruña): a diversidade da grella


Ultimamente, tendemos a reducir os asadores ao chuletón: que se esta ou estoutra raza, que se tantos días de maduración, que se este ou aquel fornecedor, que se tal nivel de infiltración. E, dacordo, é a estrela: en lugares onde se achegan á perfección, como Divino Steakhouse, todo o demais pasa a un segundo plano.

Pero cando falamos de grella e de carne, o mundo é moito máis largo (e, lembrade: morei doce anos en Sudamérica). Seica esa é a principal virtude de Magoya, presentar múltiples opcións – tanto de carne como de vexetais – para poder facer un percorrido ben variado desde a entrada até a carne final.

Foi o que fixemos aproveitando que eramos seis na última visita. Pola mesa pasou a cecina, a morcilla, o chourizo crioulo, as sobranceiras moelas. Tamén, agradábel sorpresa, unha empanada viajera de vacío. Veu o chuletón, claro: quilo e medio de rubia galega, desta vez no punto certo – mágoa que me despistei para a foto. E, con el, chegaron os vexetais, case pratos en si mesmos (eu serviríaos con menos mollo): pementos asados, boniato e uns moi bos porros con manteiga de trufa e panceta.

Agora oficia na sala o grande José Antonio. E claro, o viño pasa a ser outro punto forte: un albariño vello para as entradas – Lagar de Pintos Pie Franco 2015 – e unha sedosa syrah do Ródano para rematar ao grande.

Viño, brasa, grella, todo o abano das carnes, da moela á entraña. Iso é o que ofrece Magoya. Non é pouco, desde logo.

Comentarios