A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Divino Steakhouse (O Burgo, A Coruña): para tamén presumir de carne


Pequena paréntese antes de pechar o percorrido andaluz. Por un momento, pasamos do peixe á carne. Porque sábado fun xantar a Divino Steakhouse e iso sempre merece ser contado.

Presumimos os galegos, con razón, de ter o mellor produto do mar e uns restaurantes que o coidan e até o melloran. Porén, non acontece o mesmo coa terra: ninguén pon en dúbida a calidade da carne galega, pero talvez non temos aínda esas referencias indiscutibles no lume, na grella.

É por iso polo que teño gabado recentemente por aqui lugares como Asador O Pazo, Albanta ou Material: cada un no seu estilo, fan xirar a súa proposta arredor dun emprego excelente do lume.

E é por iso polo que fago esta paréntese para contar o xantar en Divino. Porque manexan un produto asombroso, seguindo a pista case como un fillo a cada animal. Porque dominan o lume para dar un ponto perfecto sempre e en cada ocasión. Porque rodean á peza principal de “secundarios” de luxo: a cecina, o steak tartar, o carpaccio cando o hai, unhas moelas abraiantes. Porque precisamos máis lugares así para que a nosa carne tamén trunfe nos nosos restaurantes.

Comentarios