Entradas

Mostrando entradas de agosto, 2024

NaDo (A Coruña): somos o verán, irmao

Imagen
Se David Mella traballara en NaDo diría: “Somos o puto verán, irmão”. Verán xantamos hoxe. Bonito, tomate, boquerón, escarola, sardiña*, pementos de Padrón, mexillóns, lumbrigante... Mola a nova estrutura de menús de NaDo. Hoxe foron os grandes clásicos - caeu a vieira con holandesa, por suposto; e, por suposto, tamén o flan - e peixe á grella para rematar a función: un tremendo rodaballo que ben podería ter sido un ollomol. Bos viños na carta: escollemos o fantástico Acios da Xesteiriña e unha pineau d’aunis do Loira, Galicia en Francia. Dicía Iván Domínguez : “Como non me decatara antes.” Iso, como non se decatara antes... 😉 (*) Mira que son pouco de gilda, pero esta... Ver esta publicación en Instagram

Fondos e guisos no Árbore da Veira (A Coruña)

Imagen
Eu sempre fun da opinión de que onde máis brilla Luis Veira é nos guisos, neses fondos espesos e sabedores, especialmente nos mar e terra. E onte non mudei o meu parecer. Ben avanzado o longo menú, chegou un mollete de galo con berberechos e cigalas, cun mollo deses. Era contundente, si; levábamos un bo rato comendo, tamén; pero deu exactamente igual, desapareceu. Non foi o único prato nesa liña. Antes chegaran unhas lentellas con escuma de bacallau ou unha raia á manteiga; despois, unha sinxela pescada rebozada con mollo de pementos de Padrón. Ademais, houbo verán, moito, no menú longo de Árbore da Veira . Peixes e mariscos crus, marinados: gambas brancas (magníficas), xurelo, sardiñas, ameixas, percebes, zamburiñas. Tamén froitos vermellos e trufa de verán. E incluso, espazo para os clásicos, como esa guinda que non é unha guinda, ou o Luis Anxo Escolma de 2014 que nos bebemos, con algunha compañía adicional. Outra noite das boas no alto do Monte de San Pedro. Ver es...

O compromiso co auténtico de Millo (A Coruña)

Imagen
A carta, unha ducia de pratos, chega acabada de facer: escrita a man, a boli negro, cos prezos remarcados en rotulador vermello. A de viños, nin sequera existe: a escolla pasa por unha conversa con Marc, tres ou catro botellas que veñen á mesa, debate e decisión. Nos altofalantes, música ultra-alternativa. Dalgún xeito, unha declaración de principios, un compromiso co auténtico, co local, co sincero, co momento, co diálogo. Que se converte na mesa nunha mestura de clásicos e non tan clásicos do restaurante, de pratos máis preto do acostumado na cidade e doutros máis persoais. Fomos claramente pola beira fresca, polo verán, agora que comeza a rematar. O bonito, apenas marcado, con piparras e auga de tomate; tamén, a xeito de tartar, sobre unha estupenda ensaladilla; a sardiña, en escabeche con froitos vermellos e queixo; e, para pechar moi ben os salgados, os pappardelle con steak tartar e alcaparras fritas. Un tiramisú no apartado doce e Sin Palabras 2013 na copa. Pratos baleiro...

A Faragulla (Chantada): lume e produto local na Ribeira Sacra lucense

Imagen
Caían máis de trinta graos en Chantada. Os ventiladores traballaban arreo no acolledor patio traseiro, sufrindo para desabafar á concorrencia, pouco afeita a esas temperaturas incluso en agosto. Pero, aínda con moita calor, na Faragulla hai que optar pola brasa, polo lume, por máis calor. Porque realmente a manexan moi ben. Comprobámolo co año, ben zumarento, e tamén no vermelliño morno do chuletón de vaca. Complementan ese bo trato do lume co produto do lugar. Abrimos con cecina e cunha ensalada de tomate con ventresca e manteiga desa dupla invencíbel que conforman Os Peperetes e Airas Moniz . Pechamos cunha de queixos da zona, incluído o Savel, claro. E acompañamos cun Finca Míllara , xa que viñamos de percorrer a aldea . Unha parada recomendable cando se visita esa parte da Ribeira Sacra. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Gunnen (A Coruña): a volta de Chechu Rey (que, en realidade, nunca marchara)

Imagen
Entre o Chechu Rey do Agar Agar e o Chechu Rey do Gunnen hai case quince anos de tempo, co que iso supón en termos de madurez en calquera persoa. Pero tamén hai unha importante traxectoria lonxe dos restaurantes, que non lonxe dos fogóns: cociña corporativa, grandes producións que obrigan a cálculos milimetrados (de custos, de persoal) e unha relación case simbiótica co fornecedor do produto local. Pero o becho da sala picaba e, só hai tres semanas, abría en Matogrande o Gunnen . Unha sala con tres mesas e unicamente con menú degustación, para o que tamén hai tres opcións. E vaia se está presente a bagaxe á que me refería antes. Pratos pensados, equilibrados, buscando unha liña diferente do que se pode atopar na cidade, pero sen excesos e co produto sempre moi presente. Os snacks e a secuencia de entrantes son magníficos, con algúns pases excelentes: a cigala con verdinas e ajoblanco, a lura en tempura cun pil pil de limón, as vieiras con salvia. Quedan por facer os axustes nor...

De viños por Porto e Lisboa

Imagen
Complementando o post anterior sobre Porto , segue unha escolma de bares onde puidemos beber (e tamén comer) moi ben nunha recente escapadiña á propia cidade do Douro e tamén a Lisboa. Porto - Wine Quay Bar . Un viño, un queixo e unhas conservas con vistas marabillosas ao Douro. Porto - Prova . ¡Que bar o Prova! Viñazos, local, coñecemento e unhas charcutarias de impresión (¡que lardo!) por obra do Diogo Amado. Moi preto do Palacio da Bolsa. Lisboa - Prado Wine Bar . O irmán pequeno do restaurante Prado, xusto do lado (a metros da Sé). Moi boa cociña para compartir e interesante escolma de viños de pequenos produtores. Lisboa - The Old Pharmacy . No Bairro Alto, unha antiga farmacia reconvertida en bar de viños (¡non se me ocorre mellor transformación!). Para na noitiña, sentar a carón dunha xanela e vivir o ambiente lisboeta cun gran viño dos moitos na carta. [Bonus track] Nazaré - Taberna de Adelia . É un restaurante, no centro antigo da vila, no que o que toca é esc...

Unhas horas en Porto (e un par de sitios onde ir tomar viño)

Imagen
¡Que cidade, Porto! Foran só unhas horas, pero cundiron moito. Alén das vistas e das ruelas, dos rabelos e das pontes, das igrexas e da Ribeira, da brétema e do solpor, dúas paradas estratéxicas que recomendo a todos: Un viño, un queixo e unhas conservas con vistas marabillosas ao Douro no Wine Quay Bar . Viñazos, coñecemento e unhas charcutarias de impresión (¡que lardo!) no Prova de Diogo Amado. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Bar Timón (Ferrol): o último proxecto dun pioneiro

Imagen
Acabamos de recibir a boísima noticia da reaparición de Chechu Rey á fronte do restaurante Gunnen na Coruña, un local con só tres mesas e, ademais, fóra do centro da cidade. Xa estou tardando en ir. Non é, desde logo, o único restaurante de pequenas dimensións que permite manter un proxecto persoal, vocacional, de cociñeiro: 55 Pasos , Millo ou Taberna Triay son outros bos exemplos. Pero parece que ten chamado a atención. Ven todo isto a conto da recente visita ao Timón Bar, en Ferrol. José María Jordán, a semanas de se xubilar (boísima noticia para el, supoño; non tanto para nós), xa rexentaba a Casa de Comestibles da rúa San José hai case quince anos “a escala humana”: se non lembro mal, máximo de dezaseis comensais, cociña co que trouxera o mercado cada día e lousa a modo de carta. Basicamente, a mesma filosofía que mantén no Timón Bar, no que tamén perduran parte dos mobles e da decoración do local coruñés. O resultado segue sendo excelente. Desta vez, da lousa escollemo...

Bebendo as paisaxes da Ribeira Sacra lucense

Imagen
Bebemos a Ribeira Sacra lucense esta fin de semana. Bebemos Chantada e as Ribeiras do Miño. Bebemos Belesar, O Pincelo, A Veiga, A Míllara, Augacaída. Bebemos co nariz e coa boca. O viño, claro, e tamén os queixos, a vaca, o porco: chourizo, lacón, cachola. Bebemos cos ollos esa paisaxe inigualable. Bebemos co corpo mergullando no Miño. Bebemos co ouvido o silencio sobrecolledor dunha noite morna de agosto, lonxe de calquera masificación. Bebemos ese luxo que é Galicia. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Confirmando as sensacións en Pedra Furada (A Coruña)

Imagen
Nova visita a Pedra Furada e confirmación da sensación na inicial , ao pouco de abrir: hai cociña, hai personalidade propia. Repetimos algunhas das escollas da vez anterior: as cigalas, as croquetas con gambas, ese pratazo que é a vieira con aliña de polo, soberbio. Os peixes (xurelo, bonito) e o steak tartar de pluma, cun toque picante, estaban moi bos, igual que o carabineiro. Burbullas de nivel para acompañar. Xa se pode dicir sen medo a errar: hai restaurante. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)