Entradas

Mostrando entradas de agosto, 2025

NaDo (A Coruña): somos o verán, irmao

Imagen
Se David Mella traballara en NaDo diría: “Somos o puto verán, irmão”. Verán xantamos hoxe. Bonito, tomate, boquerón, escarola, sardiña*, pementos de Padrón, mexillóns, lumbrigante... Mola a nova estrutura de menús de NaDo. Hoxe foron os grandes clásicos - caeu a vieira con holandesa, por suposto; e, por suposto, tamén o flan - e peixe á grella para rematar a función: un tremendo rodaballo que ben podería ter sido un ollomol. Bos viños na carta: escollemos o fantástico Acios da Xesteiriña e unha pineau d’aunis do Loira, Galicia en Francia. Dicía Iván Domínguez : “Como non me decatara antes.” Iso, como non se decatara antes... 😉 (*) Mira que son pouco de gilda, pero esta... Ver esta publicación en Instagram

Un ano despois, Javier Montero (Ribadeo)

Imagen
Eu fago o que podo, pero temos tantas opcións boas en Galicia que, ao final, non queda máis que deixar meses (en ocasións bastantes, demasiados) de lapso entre visitas a restaurantes, incluídos os que me gustan moito. E iso non mola nada. Pero como todo ten unha parte positiva nesta vida, en troco obteño unha perspectiva moi boa do evoluir das cousas. Cando hai pouco máis dun ano , tras moito tempo, volvía gozar da cociña de Javier Montero no seu restaurante homónimo de Ribadeo, escribía que alí seguían eses puntos precisos, ese produto, ese balance que eu lembraba de moitos anos atrás. Un verán despois, todo iso sigue alí: eu diría que cunha volta máis. Por unha banda, os delicados acompañamentos da gamba e da vieira: xeado de tomate para o carpaccio da primeira, moi suave aderezo de ceviche para a segunda; cumpren a difícil misión de estaren aí sen molestar a ingredientes principais ben sutís. Por outra, pratos de sempre executados con precisión: a pescada, a croca á que lle sen...

El Corral del Indianu (Arriondas): sabor asturiano na cociña dun autodidacta

Imagen
Queda aínda algunha cousa que contar da expedición gastronómica polo Cantábrico. Unha delas, o xantar en El Corral del Indianu . Despois dalgún exceso de parafernalia michelínica, entrar nesa casona de Arriondas, ser recibidos directamente por José Antonio Castroviejo e atendidos pola súa parella Yolanda, sentar nese rústico e luminoso salón, gozar dun longo menú sen coreografías innecesarias... ¡que sensación más boa, centrarse só en comer e beber ben: reconcilia! No gastronómico, a vea autodidacta de José Antonio materialízase nun longo menú de pequenos bocados. Presentacións diferentes cunha grande virtude: en ningún caso perden ou enmascaran o sabor; ao contrario, durante todo momento Asturias e o Cantábrico están ben presentes. No macarón de millo e sabadiego (un embutido a metade de camiño entre chourizo e morcilla), na sardiña “Gueyu Mar”, no touciño con anchoa (o “chicharrón do Norte”), por suposto na fabada, na ostra do Eo con manteiga tostada, na troita, na costeleta, na ...

¡Ben escollido! Os fóras de carta de A Espiga (A Coruña)

Imagen
Mola cando, escoitando os fóra de carta, cruzas ollares coa túa parella e sabes que os dous estades pensando “imos tomar iso”. Tres veces aconteceu o outro día en A Espiga e tres veces que, máis tarde, sorrimos co primeiro bocado cando os pratos - a coca con figos e touciño, a lura con parmentier de pataca e un peixe sapo estupendo - chegaran á mesa: “ben escollido!”. Comezaramos antes cun par de opcións da carta, o xurelo con gazpachuelo de jalapeños e mollo nikkei e os mexillóns con escabeche emulsionado. Eu quédome con aqueles: seica atopamos a proposta máis sólida cando ficou preto dos sabores da terra. O viño – fomos por copas – tamén foi un diálogo ben entretido, o que nos permitiu viaxar por varias DOs galegas e rematar con esa marabilla que é o Sitta Pereiras. ¡Boa escolma entre esas vellas paredes de pedra! Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Non era o ceo, non: era Ríos O Freixo (Outes, A Coruña)

Imagen
Ir cedo aos restaurantes mola moito. Eran as dúas menos dez e estabamos case sós, en silencio: aínda non chegara a turma. Sonaba jazz, Dave Douglas . Trala xanela, o peirao do Freixo e, ao lonxe, Noia e a súa ponte. O Fefiñanes III Ano do 17 comezaba a abrir. Xa tomaramos - crus os dous - un carneiro e unha ameixa fina desas, tremendos. E estabamos dando conta dunhas zamburiñas negras de Cambados espectaculares (si, como a da foto que abre o post). Non era o ceo, non: era Galicia, que é case o mesmo. Concretamente O Freixo, no Concello de Outes, Ría de Muros e Noia. Non debería dicilo moi alto. Faltaba a caza - a pesca - maior. O lumbrigante á prancha e o sargo ao forno. E os percebiños de sobremesa. Sobresaínte Ríos O Freixo . Sobresaínte. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Nordestada (Portosín): o que coñeces, pero mellor

Imagen
Igual, cando olledes para as fotos, pensades: pero isto que nos amosas non é tan diferente doutras cousas que temos visto recentemente. É certo, estamos na vella lonxa de Portosín, en agosto, e a tempada e o produto das rías manda. Pero vaia por diante que, se me gustou moito Nordestada , é porque case todos os pratos, se non todos, teñen ese sutil matiz que os fan diferentes, superiores. A ensaladilla - pataca, cenoura, ovo - cremosa; o bonito de Burela ben frío, sabedor; un aceite forte, amargo: tremendo prato. A tosta de anchoa, con manteiga de allo negro, diferencial. A melosidade da berenxena complementando a prancha dos chipiróns, a intensidade das croquetas de polbo á feira. O escabeche de limóns cas navallas gordas, perfeitas de punto. Como perfeito estaba o do ollomol. Até o melón, fresquiño e con menta, foi unha sobremesa estupenda (combinado cuns camaróns, o que causou certo rebumbio 😉). E, ademáis, escolma de viños galegos das boas. Son de Arrieiro Añadas de Xulia B...

Muelle 33: por fin cociña de nivel en Sada

Imagen
Para a miña desgraza, porque moro moi preto, o litoral de Oleiros e Sada, desde Santa Cristina a Gandarío, é un deserto gastronómico. A única excepción, que eu coñeza, é o excelente Atelier de Amanda de Mera, do que xa teño falado por aquí . Ou debo dicir era. Porque hoxe, no porto de Sada, coñecín o Muelle 33 , que entra directo á lista de oasis. Proposta sinxela, toda mariñeira; carta breve, cunha ducia de opcións; execución precisa, sen malabarismos innecesarios, desde a cociña á vista. En pleno agosto, non podía faltar o bonito, prancha e escabeche. Nen os pementos de Padrón, que acompañaron a unha moi boa pescada en tempura con alioli cítrico. Tamén notábel o polbo á grella con escuma de pataca e allada. De inicio, berberechos ao viño branco e salpicón de peixe sapo e langostinos: sempre gosto deses aliños neutros que están aí pero deixan o protagonismo a quen ten que telo. Moi interesante tamén a escolma de viños. Como case sempre que o atopo, A Espedrada de Adega O Cabalí...

Taberna Triay (A Coruña): personalidade de hoxe no vello bar de tapas

Imagen
A Taberna Triay pasa por ser un dos restaurantes de máis personalidade da Coruña, tanto polo desenfadado e orixinal da cociña como polo pequeno local, antano sé dun mítico bar de tapas. Cando o visito, deixo que sexa Manu quen nos vaia servindo o que considere. E antonte, ao pouco de comezar, chegou cunhas xudías con patacas e ovo cocido. Mirou para min. Mirei para el. Dixo: "¿por que non?". Sorrín e pensei: "¿por que non?". E estaban boísimas, ao dente, a pataca mol e a xema dos pequenos ovos de paspallás espallándose polo prato. ¿Por que non? ¿Por que xudías, lentellas ou caldo temos que pechalos ben pechadiños na casa? ¿Por que sorprende atopalos nun restaurante informal? ¿Por que nin acreditaríamos velas entre soles e estrelas? De feito, antes chegara un xurelo en escabeche. E, despois, unha tortilla de bacallau. Máis tarde, unhas ameixas en mollo de Palo Cortado e un galo celta con tortelli. Modo taberna das de antes, das de mollar pan sen parar e saír b...

Albanta (Pontevedra), outro dos grandes asadores galegos

Imagen
Medra, medra, medra e medra o nivel dos asadores galegos: de Ourense a Malpica, de Padrón a Culleredo, os que me seguides por aquí xa o ides vendo. E na parte alta dese clube, sen dúbida, está o pontevedrés Albanta . Por produto (gamba vermella, lumbrigante, moela, palometa vermella, vaca rubia galega) e por manexo do lume, que é o fundamental, claro. Pero tamén por local, por servizo e por unha carta de viños das que prestaría ficar lendo toda a tarde, á sombra das árbores que rodean a casona de pedra de Vilaboa, após un xantar deses... Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Niepoort: historia do viño do Porto

Imagen
Visitar a adega de Niepoort é mergullar na historia do viño do Porto. Non podo engadir nada ao que contan as fotos. E tamén é probar os ben interesantes viños tranquilos que as actuais xeracións fan en distintos recantos de Portugal, incluso no Mosela ou na Ribeira Sacra. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Outra vez, D'Berto (O Grove)

Imagen
Non ía facer outro post de D'Berto , non, que xa son moitos . Pero é que é imposible. É que é unha puñeteira barbaridade o deste sitio. Non teño máis que engadir, señoría. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Magoya (A Coruña): a diversidade da grella

Imagen
Ultimamente, tendemos a reducir os asadores ao chuletón: que se esta ou estoutra raza, que se tantos días de maduración, que se este ou aquel fornecedor, que se tal nivel de infiltración. E, dacordo, é a estrela: en lugares onde se achegan á perfección, como Divino Steakhouse , todo o demais pasa a un segundo plano. Pero cando falamos de grella e de carne, o mundo é moito máis largo (e, lembrade: morei doce anos en Sudamérica). Seica esa é a principal virtude de Magoya , presentar múltiples opcións – tanto de carne como de vexetais – para poder facer un percorrido ben variado desde a entrada até a carne final. Foi o que fixemos aproveitando que eramos seis na última visita. Pola mesa pasou a cecina, a morcilla, o chourizo crioulo, as sobranceiras moelas. Tamén, agradábel sorpresa, unha empanada viajera de vacío. Veu o chuletón, claro: quilo e medio de rubia galega, desta vez no punto certo – mágoa que me despistei para a foto. E, con el, chegaron os vexetais, case pratos en si mes...

Anaco (Santiago): unha barra de sabores limpos e directos

Imagen
Calquera escusa é boa para achegarse a Compostela: un voo de volta que aterra á tardiña é ideal, ademais, para argallar unha cea seguida dun paseo, de noite, o casco vello sen o rebumbio de turistas. E se a cea foi das boas, como que o paseo presta máis. Foi o que aconteceu o outro día, camiñando case en silencio por San Bieito ou a ruela da Oliveira ao saír de Anaco . Sentados na pequena barra, debullamos a parte máis mariñeira dunha carta ben apetecible. O máis sobranceiro, un prato caralludo que xa é sinal da casa e que abre o post: a robaliza á bilbaína, servida como un usuzukuri, tersa e sabedeira. En realidade, ese foi o ton da noite. Bo produto, verán puro, ben acompañado sen estalo de máis. A sardiña, co pan e os pementos; as ameixas, apenas abertas na tixola; o tartar de bonito, con tomate, ovas de troita e aguacate; o salmonete, cun fondo de caldeirada; as luras, as patiñas ben crocantes, con cebola e a súa tinta (aquí si, tal vez demasiada). O xeado de queixo de San Si...