Entradas

Mostrando entradas de junio, 2025

NaDo (A Coruña): somos o verán, irmao

Imagen
Se David Mella traballara en NaDo diría: “Somos o puto verán, irmão”. Verán xantamos hoxe. Bonito, tomate, boquerón, escarola, sardiña*, pementos de Padrón, mexillóns, lumbrigante... Mola a nova estrutura de menús de NaDo. Hoxe foron os grandes clásicos - caeu a vieira con holandesa, por suposto; e, por suposto, tamén o flan - e peixe á grella para rematar a función: un tremendo rodaballo que ben podería ter sido un ollomol. Bos viños na carta: escollemos o fantástico Acios da Xesteiriña e unha pineau d’aunis do Loira, Galicia en Francia. Dicía Iván Domínguez : “Como non me decatara antes.” Iso, como non se decatara antes... 😉 (*) Mira que son pouco de gilda, pero esta... Ver esta publicación en Instagram

Unha vez máis, coméndonos a ría de Arousa no Loxe Mareiro (Carril)

Imagen
Non moito antes de sentarnos nos tallos da terraza, contemplabamos desde o alto da Curota a inmensidade da Ría de Arousa. Era un día de moita calor, deses de calima: a vista non era clara e a pequena illa de Cortegada apenas se distinguía entre Cabo de Cruz, o mar e o Xiabre. É unha paisaxe marabillosa a que se abrangue desde alí arriba, aínda entre a bruma. Unhas pracenteiras horas despois, a mesma Cortegada asomaba por esa xanela do Loxe Mareiro que xa é un símbolo. Para entón, deramos conta de camaróns, mexillóns, volandeiras, carneiros, sardiñas, ameixas, polbo, navallas, salmonete, xurelo; xa beberamos albariño de Sanxenxo e mencía e caíño de Ribadumia; xa nos remollaramos aproveitando que subía a marea e falaramos do divino e do humano entre grolo e grolo, entre petisco e petisco. Non foi planeado, en realidade casual o termos feito así o percorrido. Pero eu coido que case debería ser obrigatorio: que mellor xeito de apreciar, de agradecer todo o que nos da a ría desde o sit...

Viaxando no tempo con Lagar de Pintos

Imagen
Quince anos. Tres lustros desque se vendimaran as uvas de Los Nietos 2010, de Lagar de Pintos . Estupendo. Once da colleita do 3.000 Cepas 2014, que nos levou a todos a Xerez. Nove da sorpresa da tarde-noite, o Lagar de Pintos 2016: albariño, Ribadumia, inox, botella e tempo. Puxo o listón ben alto desde o aperitivo. Continuamos viaxando no tempo, de 2010 a 2023. Falando moito con Marta Castro. Da realidade do viño galego hoxe e do infinito potencial que temos se somos quen de quitarnos certos lastres. Rías Baixas e todas as nosas DOs e IXPs. Rodolfus non foi só o anfitrión da velada. Como sempre, acompañou no prato con petiscos dos pequenos produtores de proximidade cos que traballa, aos que apoia: cogombro, navallas, cecina, queixo, tomate, pan, doces... todos con apelido, todos con topónimo, sempre presentes no momento de servir e explicar. Fidelidade máxima á orixe. Oxalá moitas máis xuntanzas deste nivel. Ver esta publicación en Instagram Una publicaci...

Sentidiño e precisión en Balarés Hotel (Ponteceso)

Imagen
Lía hai pouco un artigo de María Nicolau no País que dicía, entre outras moitas cousas interesantes, que “nos está a quedar unha restauración gastronómica profundamente antipática, que exerce a creatividade contra o saber popular e o sentido común, en vez de alimentarse deles.” Matinaba niso o outro día mentres gozaba de moito sentido común no menú de Balarés Hotel , a poucos metros da praia do mesmo nome. Catro salgados, precisamente executados e con ese punto xusto de personalidade que ensalza pero non distorsiona. Navallas no punto certo cun aceite deses. A lura, mol e tersa ao tempo, cun mollo da súa tinta como ten que ser. O peixe á galega cunha pataca (de Coristanco, por suposto) e uns chícharos bágoa á súa altura e unha estupenda emulsión da allada. O arroz de porco celta para rematar antes das sobremesas. Nen máis nen menos. Sentido común, precisión. Sentidiño. Salientable a escolma de viños, tamén. Fomos co Mirando ao Chao de Boas Vides e con esa xoia que é o Sitta Pere...

Unha primeira visita a Atípico (A Coruña)

Imagen
A lista que teño de restaurantes por coñecer na Coruña é longa. E ten competencia forte: aqueles que xa coñezo, en non poucos casos de anos, e aos que me encanta volver; e os seus veciños de cidades e vilas galegas, que engaden ao gozar do bandullo a posibilidade de boas escapadas de fin de semana. Como o tempo é sempre menos do desexable, esa lista non baixa como eu quixera e, de feito, hai tempadas nas que medra. Pero ás veces a improvisación axuda. Hai un par de sábados pasábamos pouco antes da hora do xantar cos nenos por diante do Atípico , preguntamos se había mesa e tivemos sorte. Deu para probar algúns dos clásicos – a ensaladilla con xarda afumada, o tartar de atún con amorodos e aliño cítrico –, tamén un arroz – de salmonete e maragota, moi bo –, aínda uns espárragos brancos fóra de carta, que para iso estamos en tempada, e un flan atípico para rematar. Na copa, o excelente A Espedrada de O Cabalín . Claramente, un lugar ao que teño que volver sen improvisar, para explora...

Gunnen (A Coruña): a técnica ao servizo do sabor

Imagen
Nova visita a Gunnen , despois da feita ao pouco de abrir. Xa consolidado tras uns meses de operación, o seu menú Época é un desfile de multitude de técnicas de tratamento de produto – con especial protagonismo para as fermentacións – e tamén un degoiro de apañar todo, de non refugar nada. O máis importante é que nin técnicas nin aproveitamento son un fin en si mesmos, senón que cobran sentido en cada prato, contribuíndo ao máis importante: á textura e ao sabor das navallas, da centola, da lura, da coliflor, do lumbrigante, dos chícharos... Coido que as ideas de Chechu van dar moito que falar nos próximos tempos. Ben, non, seino de certo, pero non podo contalo... 😊 Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)