Publicacións

Mostrando publicacións desta data: setembro, 2026

A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

O nigiri galego do Buxo Taberna (Cambre)

Imaxe
“Velaquí o nigiri galego”, sorría Iván, retranqueiro. Na fontiña de madeira, broa torrada, un pouquiño de tomate e sardiña grellada só pola parte da pel. Nas proporcións certas, ademais: moito máis peixe que pan. Certo, era unha tosta de sardiña, pero non outra tosta de sardiña. E iso é o que mola tanto do Buxo Taberna : un bar de vila, un bar de estrada que consegue darlle unha voltiña ás cousas sen que deixen de ser elas mesmas. E faino con moi, moi boa man. Antes, ¡benvidos cogomelos!, paté de campaña con cantarelas e angulas de monte á carbonara. Despois, un magnífico peixe sapo fritido (a carón da xanela, nun mediodía solleiro, esa carne branca e brillante case hipnotizaba) con mollo de cigalas e allada; e un arroz con polo da casa de verdade. Pedía branco vello ese xantar e alá foi un Gravonia 2016, porque a carta de viños é desas. Seica Iván non andaba de brincadeira co nigiri. Igual estaba simplemente explicando o Buxo: unha casa na que a personalidade pode vir nunha ...