A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea, a lingua feita auga.
Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home.
E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira.
Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo.
Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén vivas - moi vivas - as receitas de sempre; ao tempo, adega absolutamente diferencial. Se estivera na Borgoña, sería un templo; como estamos na Galiza, segue sendo un segredo mesmo para nós...
(*) Sacou máis cousas, pero na difícil escolla, foi o que caiu.

Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...