Máis sobre a elegancia de Bido (A Coruña)
Isto que vou dicir seica vaille soar a herexía a algúns, pero eu sempre fun moito máis de Federer que de Nadal. A tenacidade, o esforzo, o nunca renderse son calidades de gabar, claro. Pero a elegancia só a posúen uns poucos.
Esa palabra, elegancia, é a que me ven á cabeza cada vez que xanto en Bido. Sabores coa intensidade xusta, harmónicos, equilibrados.
Como o escabeche emulsionado e os amorodos coa caluga da pescada. Ou a temperatura do espárrago e a do seu fondo, praliné incluido. O leve picante da mariñeira das ameixas. O toque de brasa do allo porro co salmonete. A fina masa da empanada coa zarangallada de xoubas.
En fin, non sei como xogará ao tenis Juan Crujeiras, pero cociñar faino moi, moi ben.

Comentarios