Publicacións

Mostrando publicacións desta data: decembro, 2025

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

A volta de Izakaya Hokuto (A Coruña)

Imaxe
“A poucos metros do Campo da Leña, agochada entre horríbeis moles de ladrillo e formigón, resiste unha pequena mazá de casiñas cun xardín central, agardando con paciencia a que o progreso a leve por diante: o Campo de Artillería. Nese escenario, poucas cousas resultan máis naturais ca unha taberna.” Así comezaba a falar da Izakaya Hokuto hai dez anos, cando abría na Coruña o pequeno local que daba acubillo ao proxecto de Carlos Pérez: apenas unha barra para oito ou dez comensais e algunha mesa. E, como en todo bo restaurante xaponés, unha carta de técnicas: o produto é o mellor dispoñible en cada momento. Bastantes anos tralo seu peche, hai apenas unhas semanas, recibimos a boa nova da reapertura. E, unha década despois, alí segue o mesmo espírito: preparacións clásicas xaponesas – sashimi, usuzukuri, sushi, teriyaki; apenas uns dumplings sáense da ortodoxia – co toque persoal nos temperos que dá o pasado de Carlos en Kabuki. Seica onde mellor se aprecia isto último sexa nos sas...

Lera (Castroverde de Campos): verdadeira maxia

Imaxe
Chegaba coas expectativas moi altas a Lera, o cal sempre ten o seu risco. Menú longo de caza, máis dunha ducia de pratos nun frío e chuvioso día de decembro. E, a verdade, é que non sei por onde comezar: aínda estou abraiado. Por unha banda, porque nun menú tan extenso non houbo nin un punto frouxo. Nada, nada que baixara un pouquiño o nivel. Segundo, polo equilibrio entre intensidade de sabores - ¡que fondos, que caldos, que escabeches! - e sutileza: caza, monte e bosque tamén poden xogar na Champions da elegancia. E, terceiro, porque tomamos varios pratos dos de non esquecer, dos que fican na memoria para sempre (vouvos aforrar os superlativos: engadide os que vos pete e non vos ides pasar). O caldo de pato, cogomelos e viño rancio. As fabas con lebre. O faisán con marmelo. Tamén o escabeche de lingua de xabarín con ostra, e os níscalos, e o pichón. En fin, tres horas gozando como cativos, desexando que non pasara o tempo naquel luminoso comedor no que Luis Lera fai maxia co q...