Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta A Coruña (prov)

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro

Imaxe
Unha lareira e unha cociña de ferro. Invocou a imaxe Begoña Vázquez , de Regueiro da Cova , e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa. Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo . Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas. Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir. No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos d...

A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén v...

Muíño do Vento (Fene): unha sona merecida

Imaxe
Hai sitios que teñen sona e hai sitios que merecen a sona que teñen. O Muíño do Vento é destes últimos. Daría só para irlles tomar as formidábeis ameixas (facédeme caso: pedide máis das que vos parezan axeitadas). Pero preparan ben outros mariscos e teñen bo peixe á prancha (onte, sanmartiño). E a adega tamén dá para beber con xeito. Por certo, o Muíño está a só cinco minutos da O Gaiteiro . Aperitivo no de Suso antes de subir a Magalofes e tremendo planazo de merenda-cea para unha tarde en Ferrolterra. De nada! 😉 Ver esta publicación en Instagram

Agocho do Bico (Camariñas): xa un referente da Costa da Morte

Imaxe
Resumía en tres palabras a anterior visita a Camariñas, aínda arriba, na Taberna: produto, viño, simpatía. Agora, no novo agocho de pedra do centro da vila, o resumo é igual de doado: produto, viño, simpatía. En realidade, non: así fica incompleto. Porque hai máis medios: a cociña, o equipo, o precioso salón, o patio; coido que hai máis confianza, máis convencemento, a seguridade do que tanto loitou por lanzar o proxecto; se cadra, aínda máis agarimo. Do que chegou á mesa, só ollade para as fotos. Cigala, chipiróns, palometa vermella, apaxados no lume, suaves, sutís. Percebazos do Vilán con amontillado de sobremesa. Antes, un grande clásico das Rías Baixas - Tras da Viña de Zárate - e unha Castelao do atlántico lisboeta de Marinho . Agocho do Bico , Dani e Sara, xa un referente da Costa da Morte. Desde onte, desexando que chegue unha desas fins de semana de outono, vento e chuva, paisaxe e mar, para cear, durmir e xantar no Agocho. Ver esta publicación en Instagram

O Gaiteiro (Laraxe): o último local analóxico

Imaxe
Até onte coidaba que O Gaiteiro era a anomalía espazo-temporal na que mellor se bebe do mundo. Chamas a ese timbre, cruzas esa porta e algo troca: o tempo perde autoridade, cobra outro sentido. Falas con Suso dos seus corenta anos á fronte do negocio; aloumiñas os panos perfectamente pranchados, o mantel longo dos que xa non hai; decorren as horas como minutos, os minutos como horas; non agardas: conversas, escoitas, sempre jazz; non apuras, ¿quen ten présa? O mundo gastronómico vive namorado da seguinte novidade, do seguinte chef, do seguinte viño, do seguinte concepto. Dalgún xeito, O Gaiteiro é un antídoto contra a novidade. Sen modas, sen concesións efémeras. O centro de gravidade é a memoria, a paciencia; o criterio que só dan os anos, a curiosidade, o saber. Percorremos unha década de colleitas; percorremos Xerez, Champagne, Sauternes, Ribeira Sacra, Rioja, Ribera del Duero, italiana a mestura de vermuts. Escolma que non procura o novo, senón o mellor. Até onte, dicía....

Timón Bar (Ferrol): sobrasada e palo cortado de sobremesa

Imaxe
“Oes, Dani, a miña nai e máis eu non somos moi de doces. Podería ser de sobremesa unha taboíña desas de Maldonado, cun xereciño para acompañar?” O tipo tentou evitar o sorriso de complicidade, pero non o conseguiu. Un anaco despois chegaban os embutidos, incluída unha tremenda sobrasada con mel e un non menos tremendo palo cortado de 20 anos de Hidalgo La Gitana . Complicidade, informalidade, pasalo ben. Diso vai, en boa medida, o Timón Bar . Pero non sería dabondo se non houbera a cociña que hai. Antes da sobremesa salgada chegaran o salmón marinado e as anchoas con manteiga; chegaran os callos cósmicos de Cosmik e o steak tartar; chegaran os peixes: a dourada e o salmonete. Chegaran cousas ben boas. E claro, logo está Dani Carballeira cos seus viños. A botella condutora foi un Alma de Mar de Albamar , ben acompañada por algunhas copas máis que foron caendo. Un sorriso, uns embutidos e un palo cortado de insospeitada sobremesa: boa escolla e bo xeito de explicar o Timón ...

Taberna Beade (Paderne): para peregrinarmos todos

Imaxe
Fomos ao berce mesmo, ao lugar de Samede, concello de Paderne. Só houbo que cruzar a estrada para pasar da adega Ribeiras de Armea á taberna familiar, Taberna Beade . Honestamente, a miña expectativa era só gozar dos viñazos da adega e comer unha boa carne asada. Carallo, afortunadamente andaba moi errado. Xa desque chegou o pincho de tripas a cousa anunciaba xeitosa. E cos berberechos - tamaño, punto - sumiu calquera dúbida. Navallas, polbo e un listado con patacas e tomate sobresaínte. Logo as carnes: rabo e, sobre todo, un xarrete dos que se desfai e unhas pataquiñas das que case nin mastigas. E aínda a sorpresa final: tremendo flan. Bebemos, claro. Unhas copiñas do branco. Unha botelliña, outra máis, da roibal. O ancestral feito con amigos. Até unha sidra. As marabillas que fai Jose e que serve sen darlle importancia ningunha. Humildade extrema, humildade de crack. Para peregrinarmos todos a Paderne. Ver esta publicación en Instagram

O Fragón (Fisterra): por todo

Imaxe
Hoxe pláxiome a min mesmo porque, a verdade, non atopo mellor xeito de describir o ben que o paso cada vez que me achego a Fisterra a xantar no O Fragón . Por todo. Polo agarimo que destilan en todo o que fan, do mar ao prato: parece que coñecen cada ostra, cada ourizo, cada sardiña, cada lura que chega á súa cociña; a cada mariñeiro, a cada mariscadora, a cada labrego, a cada redeira da bisbarra que participa no proceso. Pola súa teima en aproveitalo todo, xa sexa para patés, para aceites, para darlle unha volta a aquela receita. Pola súa amabilidade. Pola paisaxe desas inmensas xanelas á ría de Corcubión, ao Pindo, á praia Langosteira. Pola escolma de viños. E pola cociña, claro. Aí estaban eses percebes e o magnífico salmonete co seu fígado. As volandeiras con chícharos. Antes, para abrir, os azuis: xarda e listado. Tamén arroz de chocos e tenreira con pataca. E, entre os queixos, o queixo da Josefa que levan ¡24 anos! servindo. Betanzos na copa: a roibal de Ribeiras de A...

O Gaiteiro (Laraxe): WTF!

Imaxe
É, literalmente, unha casa nunha curva da Nacional, porta con porta co cemiterio de Laraxe. Pensas “WTF!” e lembras aquela gasolineira-enoteca de Luíntra. Premes no timbre, abre Suso co seu sorriso retranqueiro e avanzas entre a madeira, as lámpadas, as botellas, a música de jazz. E volves pensar “WTF!”, como cando a prestixiosa adega de Cambados muda sen previo aviso en furancho no medio da visita. Suso non se anda con coñas. Pedimos unha copa de tinto galego e saca unha tinta femia do Morrazo de Portela dos Bagos , puro Atlántico. ¡Non está mal para un cliente de primeira vez! Ten ollo clínico o tipo: “non estou para non arriscar”, di. Ficamos para cear. Seguimos pola caíño, agora no Salnés, unha botella de Genoveva 2014 de Forjas del Salnés . Van saíndo espárragos, anchoas, xamón, queixo; mesmo outro “WTF!” co tremendo foie. E hai que pechar, faltaría máis, probando algún dos moitos champagnes dispoñibeis. Abraiante. É igual que sexa unha gasolineira na Ribeira Sacra, un f...

A Serra (Narón): ¡non vos fiedes dos sinais!

Imaxe
Viñamos de gozar da vista da fervenza do Belelle cando batemos cun sinal que indicaba o miradoiro do Coto de Ancos a tan só un Km. Comprobamos tres cousas: que a sinalización é moi mala (si, concelloneda, fáganlle caso aos veciños!); que o Waze (que puxemos demasiado tarde) ten serias limitacións coas corredoiras e o rural galego en xeral; e que eu, como condutor, teño tantas ou máis limitacións aínda (véxase a última foto). A cousa é que, tarde, mal e arrastro (grazas pola paciencia, Dámaso ), conseguimos chegar a Pedroso, a A Serra . E alí esquecemos axiña o atropelado da viaxe. En particular, as orellas á feira. ¡Que orellas! Melosas, sabedeiras, cun mollo xelatinoso deses. Molou moito tamén o bikini, con lacón ben torradiño, queixo de Arzúa e xema de ovo. E as croquetas de lura coa súa tinta. Caeron tamén callos ao forno e un bo steak tartar de pre-sobremesa, abrindo paso á sorprendente porén rica croqueta de torrija con xeado de pistacho para pechar. Na copa, un clásico: o...

Unha historia de estrada diferente en Restaurante Delfino (Moeche)

Imaxe
Edificios impersoais, sen alma. Pouco tráfico na estrada, sitio de máis para aparcar. Comedores grandes, fríos, cunha estética funcional que ás veces raia no desleixo: deseñados para seren esquecidos. Lugares que asociamos a unha certa idea de resignación, a ese territorio un pouco triste onde ninguén agarda ser sorprendido. Algo rutineiro, previsíbel, case mecánico repítese en moitos dos restaurantes espallados polas estradas secundarias do país. Por sorte, non en todos; desde logo, non en Restaurante Delfino (Moeche, non moi lonxe de Ferrol). Porque nada tiñan de rutineiras aquelas kokotxas. Menos de previsíbel o usuzukuri de dourada. Pouco de mecánico o linguado. Ameixas e peixe sapo á cedeirense na mesma liña: sen estridencias, precisos. Igual nos doces: un bo cremoso de queixo de Moeche e unha torrija de roscón. Criterio, intención, vontade. Outra historia. Bebemos o delicado Fulcro Equilibrio de Chicho Moldes . Agora, disque nesta casa tamén hai espazo para sorpresas no ...

O valor do local na Artesa da Moza Crecha (Betanzos)

Imaxe
A vista de Betanzos desde a Praza da Eira Vella é ben chula (última foto do post): o Mandeo, as barcas varadas, as galerías, as casas amoreadas por tras da rúa da Cerca. Tanto que ten un cadro de seu, coido que “Las tres barcas” de Francisco Lloréns. Uns poucos metros á dereita está a Artesa da Moza Crecha , que non pode ser máis coherente con esa postal na súa clara aposta polo territorio e a identidade: moito produto da Reserva da Biosfera e, por suposto, unha carta ben chea – xa na primeira páxina – de viño de Betanzos, mesmo cunha maridaxe construída só con el. Nós fomos cun Ramallo de Pagos de Brigante, para saírmonos das escollas habituais. Era a primeira vez: non dubidamos en escoller o menú longo. Vin unha cociña con moita intención, con gañas de contar cousas en cada prato. Eu quedo coas propostas menos complexas, máis directas: co intenso sabor do pisto que acompañaba o peixe (ou era ao revés), coa melosa faceira e o repolo, co ovo con patacas e chourizo, co petisco de sa...

Balarés (Ponteceso): día de luxo no final do inverno

Imaxe
Finais de marzo. 21 graos. Nubes altas suavizando o sol. Mar cabreado, ondas no Roncudo. Día de luxo no final do inverno. Despois dun paseo pola costa de Corme, o comedor acristalado de Balarés Hotel : os piñeiros e o azul do mar de fondo. Mexillóns en escabeche suave, albacora marinada con mollo de tomate. Unhas monumentais lentellas con cigalas. E un pargo aínda máis monumental, maiúsculo. Sobremesas, entre elas unha torrija con pan de barra, nada de brioche. A cociña de Silvia Facal é delicada, solvente e elegante, como solvente e elegante é Rafa na sala. Engádase o entorno e o produto: a suma sae soa. Ver esta publicación en Instagram

Malpica é porto, ondas; con Material, tamén é lume

Imaxe
Doutra volta en Malpica, doutra volta en Material , gozando dese lume que apaxa, que aloumiña. Hoxe foron uns chícharos bágoa con panceta e ovo, uns berberechos XXL (polo menos!) e un fantástico coruxo - xa sabedes: carne branca, tersa, brillante, zumegante - acompañado de pementos, porro e boniato. Na copa, o 200 Cestos de A Coroa á altura. Malpica sempre ten sido postal mariñeira, ondas batendo. Agora, tamén é lume. Ver esta publicación en Instagram

O último día da Taberna do Bico (Camariñas)

Imaxe
Por casualidade ou por fado, caemos este domingo na Taberna do Bico , o último día no que operaba como tal. Produto, viño e simpatía atopan un novo fogar, só a uns metros do actual, nas estreitas rúas do miolo da vila de Camariñas: o Agocho do Bico , onde tamén se poderá pasar a noite. Conseguimos albiscar o interior a través das xanelas da casona de pedra e ten moi boa cara. Nesa visita final á taberna (que continuará funcionando de xeito máis informal), volandeiras, ventresca de atún, alcachofas, un señor linguado e torta de cenoria. Na copa – que boa a carta de viños! –, unha chenin blanc do Loira. Seica as visitas a este recanto da Costa da Morte van ter que converterse en fins de semana completos! Ver esta publicación en Instagram

Salvaxe (Pontedeume): forno e brasa, río e fraga

Imaxe
Forno e brasa. Raúl e Rodri. Río e fraga. Co de arriba daría para resumir, ben resumido, o que aporta - e non é pouco - o pendello restaurado que acubilla o comedor de Salvaxe , apenas unhas semanas aberto. Cachena, rubia, minhota, da man de Mario Nogueira . Certo o punto, mol de desfacerse, o chuletón de vaca da primeira. A pataca e o pemento ao forno, á altura. Por encargo, tamén año, porco e peixe. As entradas non desmerecen: alcachofas con panceta e payoyo; vieira apaxada na brasa, parmentier e xamón. Con dous collóns, só hai viños de Raúl Pérez e Rodri Méndez . ¿Quen precisa máis? Ese As Covas é unha pasada. A mesa de fóra ten moita cara de gin tonic nos longos solpores do verán. Hoxe, e tampouco estivo mal, foi un vermutiño abrigados ao frío sol de novembro, tras visitar o veciño mosteiro de Caaveiro. Ten pinta de irse converter nun planazo isto de Salvaxe . Ver esta publicación en Instagram

O novo rumbo do Timón Bar (Ferrol)

Imaxe
Hai máis ou menos un ano fomos tomarlle a última a José María Jordán ao Timón Bar , a piques de xubilarse. Algún tempo despois, coñecíamos quen lle ía dar o relevo e sorrimos: Dani Carballeira aos viños e Cosmik na cociña. Esta fin de semana achegámonos a Ferrol para comprobar se o sorriso tiña razón de ser. E tiña. Digamos que aconteceu unha evolución en tres tempos. Mola moito que, alén do nome, o bar en si mesmo permaneza case como na etapa anterior, á súa vez herdeira daquela Casa de Comestibles na rúa San José da Coruña. Na cociña, varios elementos moi recoñecibles seguen na carta, como o salmón gravlax ou o steak tartare, entre outros. Pero tamén aparecen pratos novos. En calquera caso, unha proposta moi ben resolta. Nós puxémonos nas súas mans e pola mesa pasaron ostras, sopa de tomate e remolacha, bonito encebolado con figos, o steak tartare, navallas á tixola, un linguado á bilbaína e, para rematar o salgado, os “callos cósmicos”, ben bós. Larpeira e proposta doce, t...

Muelle 33: por fin cociña de nivel en Sada

Imaxe
Para a miña desgraza, porque moro moi preto, o litoral de Oleiros e Sada, desde Santa Cristina a Gandarío, é un deserto gastronómico. A única excepción, que eu coñeza, é o excelente Atelier de Amanda de Mera, do que xa teño falado por aquí . Ou debo dicir era. Porque hoxe, no porto de Sada, coñecín o Muelle 33 , que entra directo á lista de oasis. Proposta sinxela, toda mariñeira; carta breve, cunha ducia de opcións; execución precisa, sen malabarismos innecesarios, desde a cociña á vista. En pleno agosto, non podía faltar o bonito, prancha e escabeche. Nen os pementos de Padrón, que acompañaron a unha moi boa pescada en tempura con alioli cítrico. Tamén notábel o polbo á grella con escuma de pataca e allada. De inicio, berberechos ao viño branco e salpicón de peixe sapo e langostinos: sempre gosto deses aliños neutros que están aí pero deixan o protagonismo a quen ten que telo. Moi interesante tamén a escolma de viños. Como case sempre que o atopo, A Espedrada de Adega O Cabalí...

Anaco (Santiago): unha barra de sabores limpos e directos

Imaxe
Calquera escusa é boa para achegarse a Compostela: un voo de volta que aterra á tardiña é ideal, ademais, para argallar unha cea seguida dun paseo, de noite, o casco vello sen o rebumbio de turistas. E se a cea foi das boas, como que o paseo presta máis. Foi o que aconteceu o outro día, camiñando case en silencio por San Bieito ou a ruela da Oliveira ao saír de Anaco . Sentados na pequena barra, debullamos a parte máis mariñeira dunha carta ben apetecible. O máis sobranceiro, un prato caralludo que xa é sinal da casa e que abre o post: a robaliza á bilbaína, servida como un usuzukuri, tersa e sabedeira. En realidade, ese foi o ton da noite. Bo produto, verán puro, ben acompañado sen estalo de máis. A sardiña, co pan e os pementos; as ameixas, apenas abertas na tixola; o tartar de bonito, con tomate, ovas de troita e aguacate; o salmonete, cun fondo de caldeirada; as luras, as patiñas ben crocantes, con cebola e a súa tinta (aquí si, tal vez demasiada). O xeado de queixo de San Si...

Sentidiño e precisión en Balarés Hotel (Ponteceso)

Imaxe
Lía hai pouco un artigo de María Nicolau no País que dicía, entre outras moitas cousas interesantes, que “nos está a quedar unha restauración gastronómica profundamente antipática, que exerce a creatividade contra o saber popular e o sentido común, en vez de alimentarse deles.” Matinaba niso o outro día mentres gozaba de moito sentido común no menú de Balarés Hotel , a poucos metros da praia do mesmo nome. Catro salgados, precisamente executados e con ese punto xusto de personalidade que ensalza pero non distorsiona. Navallas no punto certo cun aceite deses. A lura, mol e tersa ao tempo, cun mollo da súa tinta como ten que ser. O peixe á galega cunha pataca (de Coristanco, por suposto) e uns chícharos bágoa á súa altura e unha estupenda emulsión da allada. O arroz de porco celta para rematar antes das sobremesas. Nen máis nen menos. Sentido común, precisión. Sentidiño. Salientable a escolma de viños, tamén. Fomos co Mirando ao Chao de Boas Vides e con esa xoia que é o Sitta Pere...