Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Balarés (Ponteceso): día de luxo no final do inverno


Finais de marzo. 21 graos. Nubes altas suavizando o sol. Mar cabreado, ondas no Roncudo. Día de luxo no final do inverno.

Despois dun paseo pola costa de Corme, o comedor acristalado de Balarés Hotel: os piñeiros e o azul do mar de fondo.

Mexillóns en escabeche suave, albacora marinada con mollo de tomate. Unhas monumentais lentellas con cigalas. E un pargo aínda máis monumental, maiúsculo. Sobremesas, entre elas unha torrija con pan de barra, nada de brioche.

A cociña de Silvia Facal é delicada, solvente e elegante, como solvente e elegante é Rafa na sala. Engádase o entorno e o produto: a suma sae soa.

Comentarios