Publicacións

Mostrando publicacións desta data: maio, 2026

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Millo (A Coruña): outras regras

Imaxe
Máis un día nese recuncho de espontaneidade e eclecticismo que é Millo . Que ricos, que frescos, que bonitos, que de verán os boqueróns nórdicos coas brevas e as peras. Que sabedeiro, intenso, precisamente picante o guiso de riles con patacas e ovos. Que bo revisitar os clásicos: ensaladilla, pappardelle. Que conxunto o do hummus, a oliva ascolana, o ovo e o cogombro. Que peche o tiramisú. Na copa, merenzao do Jura. Que menos!!! Podería semellar que en Millo non hai regras. Eu coido que, simplemente, son outras: as de Moncho . Ver esta publicación en Instagram

OSA (Madrid): unha aldea gala no Madrid gastronómico

Imaxe
Tíñalle moitas gañas a OSA , unha desas poucas aldeas galas do Madrid gastronómico que fan fronte á deriva dubaití imperante, xunto co team “pes no chan”. (Precisamente onte, marabilla de entrevista a Marian de Taberna Verdejo en El País Gastro ) Hai que achegarse á beira do Manzanares, afastarse do centro, até unha preciosa casa cun pequeno patio e unha moi acolledora adega/espazo de maduración no piso superior. E deixarse levar, especialmente se optas polo menú XL: longo, require curiosidade e resistencia, pero é a mellor maneira de entender o que saben facer alí. Abre a cousa con varios pases de charcutaría, un dos sinais de identidade de OSA: orella de Lalín ♥️ e consomé; pescozo de galo, lingua escarlata, máis porco. Porén, o que máis me sorprendeu veu despois: unha sucesión de guisos/fondos/produto con momentos de nivel altísimo. A demiglace coa traseira do coello e fabiñas; o choco da Ría na súa tinta (manda carallo, un galego dicindo isto); un monumental prato da espar...

Taberna Beade (Paderne): para peregrinarmos todos

Imaxe
Fomos ao berce mesmo, ao lugar de Samede, concello de Paderne. Só houbo que cruzar a estrada para pasar da adega Ribeiras de Armea á taberna familiar, Taberna Beade . Honestamente, a miña expectativa era só gozar dos viñazos da adega e comer unha boa carne asada. Carallo, afortunadamente andaba moi errado. Xa desque chegou o pincho de tripas a cousa anunciaba xeitosa. E cos berberechos - tamaño, punto - sumiu calquera dúbida. Navallas, polbo e un listado con patacas e tomate sobresaínte. Logo as carnes: rabo e, sobre todo, un xarrete dos que se desfai e unhas pataquiñas das que case nin mastigas. E aínda a sorpresa final: tremendo flan. Bebemos, claro. Unhas copiñas do branco. Unha botelliña, outra máis, da roibal. O ancestral feito con amigos. Até unha sidra. As marabillas que fai Jose e que serve sen darlle importancia ningunha. Humildade extrema, humildade de crack. Para peregrinarmos todos a Paderne. Ver esta publicación en Instagram

Un día máis, mar en Salpica (A Coruña)

Imaxe
Pon aí uns berberechos, Manolo, que están ben gordos. Rico o Agás do Tempo. Vai ben coas gambiñas vermellas. As minchas veñen con okupa. Bo o frito dos camaróns brancos: están pedindo unha copiña de espadeiro, Vanessa. Empanada e ensaladilla, claro. Ostras de sobremesa: das chás, das chás, que saben máis. Un día máis, mar en Salpica Ver esta publicación en Instagram

Asador O'Pazo (Padrón): os tacos que foxen...

Imaxe
Levas o primeiro anaco á boca, seica despois de terte achegado a cheiralo. Comezas a mastigar. Segues mastigando, cada vez máis amodo, sen mirar para ningures. Tragas. E aí sae: “j*der!”. Un murmurio, é certo, pero dilo. “Joo dér!”, así, separado en dúas verbas e con acento no é. Eu son dos que pensa que o único xeito realmente válido para medir a cociña dun restaurante son os tacos que foxen – espontáneos, xenuínos, incontrolábeis – dos beizos dos comensais. Tacos bisílabos, pronunciados miudiño – son para ti, non para os demais –, acompañados dun leve asentimento: a cabeza que tamén aproba. Onte, no Asador O'Pazo , deixei escapar moitos tacos. Por suposto, como outras veces, por ese punto de brasa tan difícil de acadar: presente na textura do peixe, do marisco, da carne; presente no cheiro, no afumado; porén, só sutilmente presente, o suficiente para mellorar un produto xa caralludo de seu. Exemplo: a cherna. Carne tersa, limpa, branca, brillante; pel crocante, no grao ce...

O Fragón (Fisterra): por todo

Imaxe
Hoxe pláxiome a min mesmo porque, a verdade, non atopo mellor xeito de describir o ben que o paso cada vez que me achego a Fisterra a xantar no O Fragón . Por todo. Polo agarimo que destilan en todo o que fan, do mar ao prato: parece que coñecen cada ostra, cada ourizo, cada sardiña, cada lura que chega á súa cociña; a cada mariñeiro, a cada mariscadora, a cada labrego, a cada redeira da bisbarra que participa no proceso. Pola súa teima en aproveitalo todo, xa sexa para patés, para aceites, para darlle unha volta a aquela receita. Pola súa amabilidade. Pola paisaxe desas inmensas xanelas á ría de Corcubión, ao Pindo, á praia Langosteira. Pola escolma de viños. E pola cociña, claro. Aí estaban eses percebes e o magnífico salmonete co seu fígado. As volandeiras con chícharos. Antes, para abrir, os azuis: xarda e listado. Tamén arroz de chocos e tenreira con pataca. E, entre os queixos, o queixo da Josefa que levan ¡24 anos! servindo. Betanzos na copa: a roibal de Ribeiras de A...