Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

O Fragón (Fisterra): por todo


Hoxe pláxiome a min mesmo porque, a verdade, non atopo mellor xeito de describir o ben que o paso cada vez que me achego a Fisterra a xantar no O Fragón.

Por todo. Polo agarimo que destilan en todo o que fan, do mar ao prato: parece que coñecen cada ostra, cada ourizo, cada sardiña, cada lura que chega á súa cociña; a cada mariñeiro, a cada mariscadora, a cada labrego, a cada redeira da bisbarra que participa no proceso. Pola súa teima en aproveitalo todo, xa sexa para patés, para aceites, para darlle unha volta a aquela receita. Pola súa amabilidade. Pola paisaxe desas inmensas xanelas á ría de Corcubión, ao Pindo, á praia Langosteira. Pola escolma de viños.

E pola cociña, claro.

Aí estaban eses percebes e o magnífico salmonete co seu fígado. As volandeiras con chícharos. Antes, para abrir, os azuis: xarda e listado. Tamén arroz de chocos e tenreira con pataca. E, entre os queixos, o queixo da Josefa que levan ¡24 anos! servindo.

Betanzos na copa: a roibal de Ribeiras de Armea que me ten ameigado e pido sempre que teño ocasión.

Coido que esa foto - a cor da merenzao co Atlántico de fondo - abonda para entenderme.

Comentarios