Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Rías Baixas

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Un concerto de mar en Ríos O Freixo (Outes)

Imaxe
Seica lestes que hai unhas semanas fun ver os Foo Fighters. Entre outras cousas, porque xusto antes tocaban Queens of the Stone Age. Tremendo concerto, non menos tremenda a previa. A fin de semana pasada foi, dalgún xeito, a versión gastronómica daquelo. Se domingo era Asador O'Pazo (post anterior), o solleiro sábado pasamos polo portiño do Freixo a gozar no Ríos O Freixo , en Outes. Os irmáns Vidal transmutados en Dave Grohl e os Ríos en Josh Homme, as guitarras en brasa e forno. Cigalas, salpicón, carneiros ao natural. E despois, un rodaballo que xa non precisaba demostrar nada, pero fíxoo. Carne firme, zumarenta, saborosa, ese punto exacto no que o forno deixa de ser unha ferramenta e pasa a ser oficio. E Nando foi xeneroso: sacou un Sacabeira 19 de Iria Otero Mazoy , un exemplo máis (¿fan falla, a estas alturas?) do marabillosamente que envellecen os albariños ben feitos. De sobremesa, camaróns cunha manzanilla pasada, no que xa se está a convertir nun perigoso costume...

Pensión Marbella (Muros): nomes dos que desconfiar, recomendacións das que fiarse

Imaxe
Descíamos por Paxareiras no medio dunha brétema mesta: non se vía un carallo. O Corsa gris de diante ía a 30 como moito. Eu pensaba: ¿que fago aquí indo para un sitio que se chama Pensión Marbella ? Pensión Marbella. Hai combinacións de palabras que parecen deseñadas para me escorrentar, polo menos gastronomicamente. Pensión xa soa a cousa de paso, e Marbella á antítese de Galicia: ostentación, opulencia, ver e ser visto, coches grandes e prezos aínda máis grandes. Pero os que me dixeron que fose saben do que falan. E un aprende, co tempo, que hai nomes dos que desconfiar e recomendacións das que fiarse. Muros, vila garbosa, pero o día non axuda. Pincho nos soportais e imos aló. Sae David tomar a comanda e todo muda, néboa e choiva aínda fóra. Longueiróns tamaño diplodocus deixados no ponto certo. Lumbrigante azuliño, carnoso. Robaliza co alliño e o aceite que precisa, branca e tersa, sabedeira. Pataquiñas. Na copa, o Cíes 25 de Rodri Méndez . Só semanas na botella, pero xa...

Recuncando en Nordestada (Portosín)

Imaxe
Recuncamos en Nordestada . Recuncamos o tartar de bonito con ensaladilla, tamén as navallas con escabeche de limón. As tostiñas - finas, crocantes, non de brioche: que ben! - con manteiga de allo negro desta volta eran con sardiña. Novos os tremendos mexillóns XXL - dunhas bateas especiais de Aguiño, non podo dicir máis - en vinagreta. Nivel, nivel. O pargo para catro, monumental, carnoso, con mordida, cunhas pataquiñas asadas das que só hai por esta terra. Como xa é tradición, camaróns de sobremesa. Bebemos moi ben: o Pepe Luis 21 do Capitán Albamar , unha pinot de Toni Jost e algo de Niepoort para rematar. E, por riba de todo, tan a gusto con Nel, Pablo e todo o equipo. Sitiazo en Portosín! Ver esta publicación en Instagram

Lourido (Poio): cigalas XXL e berberechos moi escasos

Imaxe
Poñía na carta: “Cigala XL”. Xusto debaixo: “Cigala XXL”. E un pouco máis adiante: “Berberecho seleccionado (moi escaso)”. Claro, les iso e ¿que vas pedir? E viñeron as cigalas XXL. E viñeron os berberechos moi escasos. As unhas - gordas, enchendo a boca - coa tersura da carne cocida como ten que cocerse; os outros co estourido no padal. Gozamos todo o sabor das rías namentres ollábamos para a de Pontevedra a través da fiestra do Lourido Despois chegou o rodaballo ao forno con esas pataquiñas que lle compiten (si, son tan boas as patacas galegas que, ben asadas, compítenlle até a un rodaballo). E todo o tempo, na copa, o Do Ferreiro Cepas Vellas de Gerardo Méndez : toma máis ría! (Grazas José Basanta pola recomendación. Non houbo espazo para os choquitos: perfecta escusa para planificar a seguinte!) Ver esta publicación en Instagram

Asador O'Pazo (Padrón): os tacos que foxen...

Imaxe
Levas o primeiro anaco á boca, seica despois de terte achegado a cheiralo. Comezas a mastigar. Segues mastigando, cada vez máis amodo, sen mirar para ningures. Tragas. E aí sae: “j*der!”. Un murmurio, é certo, pero dilo. “Joo dér!”, así, separado en dúas verbas e con acento no é. Eu son dos que pensa que o único xeito realmente válido para medir a cociña dun restaurante son os tacos que foxen – espontáneos, xenuínos, incontrolábeis – dos beizos dos comensais. Tacos bisílabos, pronunciados miudiño – son para ti, non para os demais –, acompañados dun leve asentimento: a cabeza que tamén aproba. Onte, no Asador O'Pazo , deixei escapar moitos tacos. Por suposto, como outras veces, por ese punto de brasa tan difícil de acadar: presente na textura do peixe, do marisco, da carne; presente no cheiro, no afumado; porén, só sutilmente presente, o suficiente para mellorar un produto xa caralludo de seu. Exemplo: a cherna. Carne tersa, limpa, branca, brillante; pel crocante, no grao ce...

Ríos O Freixo (Outes): o escacho como estrela

Imaxe
Outro xantar deses en Ríos O Freixo (Outes). Dos de produto do mar en estado puro, tratado co máximo respecto, case diría que coa máxima admiración. A estrela da tarde foi un escacho ou rubio, con certeza non un dos peixes de máis nome, pero que ben asado no forno amosa unha carne branca, fina, tersa, sabedeira. Non o tiña doado: antes chegaran as ameixas rubias, os carneiros ao natural, as cigalas, o carpaccio de gamba. Rivais de altura, pero aínda así. O líquido non ficou atrás, porque a escolma de viños é ben potente. É unha marabilla poder acompañar un xantar tan galego con varietais de lado e caíño longo, Ribeiro da Arnoia de Mauro Estévez e Ribeira Sacra de Quiroga de Atrium Vitis , respectivamente. Formidábeis ambos os dous. Peixe humilde elevado a estrela, viños que non precisan gritar para expresar Galicia. O oficio de Ríos O Freixo fai del un lugar onde o importante segue sendo importante, algo cada vez menos frecuente. Ver esta publicación en Instagram

Outra vez na taberna de Casa Solla (Poio): viño, vinilos e boa compaña

Imaxe
Na taberna de Casa Solla bébese, cómese, escóitase música, fálase e, por riba de todo, pásase moi ben. Se vos podedes xuntar un grupiño de catro, cinco ou máis que devezades polo viño, a mesa/cociña, os vinilos e a monumental carta en tres tomos están alí agardando. Nós eramos sete, e fixemos unha viaxe boa: de Betanzos (Senlleiro) a Rías Baixas (Fulcro Fabaíños e 69 Arrobas), todos de anadas xa con tempo; fóra de Galicia (o mellor xeito de valorar o que temos aquí é probar moito de alí), pasamos por Champagne, por Borgoña, por Rioja, por Jerez, por Mosela e até polo Líbano. Sempre xogando con Gabriel, á fronte da parte líquida. E a comida, pedida sobre a marcha segundo o viño vai demandando, preparada no momento con moita axuda dunha pequena brasa, á altura do que cabería esperar: as cigalas, os camaróns, a sarda, só apaxados no lume; a coliflor e o salpicón de lumbrigante, con aliños máis cítricos do habitual; tamén guisos, albóndegas ou cogomelos; e flan e queixos para rematar....

Niño Corvo (Vigo): fusión ben feita

Imaxe
Aguachile, palta, cilantro, choclo co bonito listado. Calquera que me leva de volta a América tenme gañado. Sabores e recendos que gorentan. Gañoume Adrián Albino na mesa do chef do Niño Corvo . América, Asia e, sobre todo, Galicia. Unha mestura ben feita. O citado aguachile de bonito, a sobranceira gyoza de choco coa súa tinta, o gunkan de ourizo chileno. Sabores de máis perto: o salmonete coa súa maionesa, a sardiña afumada, o nigiri de sargo con panceta, a xarda. O viño. Condado, Cenlle, Amandi. Escolma ben intelixente, complementada con burbullas de aquí e acolá. Son dos que colocan a fusión baixo sospeita, dos que fuxen de gyozas, baos e panipuris. Tan manoseados, tan maltratados. Seica por iso, presta o dobre atopares un lugar onde saben facela, coma o Niño Corvo . Ver esta publicación en Instagram

A nova taberna de Casa Solla (Poio)

Imaxe
¡Que boa idea tivo Pepe Solla ! Eu lembraba ese recanto medio agachado cos sofás, no que, efectivamente, non apetecía moito sentarse a tomar un café ou incluso unha copa despois de gozar do menú no luminoso e acristalado comedor, sobrevoando o xardín. Agora, ese espazo mudou nunha taberna. Nunha taberna moi especial. Preside unha gran mesa-barra, rodeada dunha ducia de cadeiras, onde un cociñeiro finaliza en vivo os pratos diante dos comensais, coa axuda dunha pequena grella e pouco máis. Tras el, unha lousa indica as opcións do día: propostas sinxelas pero cun nivel de preparación acorde ao restaurante gastronómico que opera apenas uns pasos por detrás. Preside a mesa un tocadiscos, onde se pinchan os vinilos expostos nunha das paredes de pedra, por selección en estritas quendas dos clientes do día. Na miña visita, por alí pasaron Blur os Strokes ou The National, entre outros (afortunadamente, non me pareceu albiscar reguetón). Pero o máis importante chega en tres tomos: a carta...

Non era o ceo, non: era Ríos O Freixo (Outes, A Coruña)

Imaxe
Ir cedo aos restaurantes mola moito. Eran as dúas menos dez e estabamos case sós, en silencio: aínda non chegara a turma. Sonaba jazz, Dave Douglas . Trala xanela, o peirao do Freixo e, ao lonxe, Noia e a súa ponte. O Fefiñanes III Ano do 17 comezaba a abrir. Xa tomaramos - crus os dous - un carneiro e unha ameixa fina desas, tremendos. E estabamos dando conta dunhas zamburiñas negras de Cambados espectaculares (si, como a da foto que abre o post). Non era o ceo, non: era Galicia, que é case o mesmo. Concretamente O Freixo, no Concello de Outes, Ría de Muros e Noia. Non debería dicilo moi alto. Faltaba a caza - a pesca - maior. O lumbrigante á prancha e o sargo ao forno. E os percebiños de sobremesa. Sobresaínte Ríos O Freixo . Sobresaínte. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Nordestada (Portosín): o que coñeces, pero mellor

Imaxe
Igual, cando olledes para as fotos, pensades: pero isto que nos amosas non é tan diferente doutras cousas que temos visto recentemente. É certo, estamos na vella lonxa de Portosín, en agosto, e a tempada e o produto das rías manda. Pero vaia por diante que, se me gustou moito Nordestada , é porque case todos os pratos, se non todos, teñen ese sutil matiz que os fan diferentes, superiores. A ensaladilla - pataca, cenoura, ovo - cremosa; o bonito de Burela ben frío, sabedor; un aceite forte, amargo: tremendo prato. A tosta de anchoa, con manteiga de allo negro, diferencial. A melosidade da berenxena complementando a prancha dos chipiróns, a intensidade das croquetas de polbo á feira. O escabeche de limóns cas navallas gordas, perfeitas de punto. Como perfeito estaba o do ollomol. Até o melón, fresquiño e con menta, foi unha sobremesa estupenda (combinado cuns camaróns, o que causou certo rebumbio 😉). E, ademáis, escolma de viños galegos das boas. Son de Arrieiro Añadas de Xulia B...

Albanta (Pontevedra), outro dos grandes asadores galegos

Imaxe
Medra, medra, medra e medra o nivel dos asadores galegos: de Ourense a Malpica, de Padrón a Culleredo, os que me seguides por aquí xa o ides vendo. E na parte alta dese clube, sen dúbida, está Albanta . Por produto (gamba vermella, lumbrigante, moela, palometa vermella, vaca rubia galega) e por manexo do lume, que é o fundamental, claro. Pero tamén por local, por servizo e por unha carta de viños das que prestaría ficar lendo toda a tarde, á sombra das árbores que rodean a casona de pedra de Vilaboa, após un xantar deses... Ver esta publicación en Instagram

Outra vez, D'Berto (O Grove)

Imaxe
Non ía facer outro post de D'Berto , non, que xa son moitos . Pero é que é imposible. É que é unha puñeteira barbaridade o deste sitio. Non teño máis que engadir, señoría. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

D'Leria (Carril): a despensa arousá ben cociñada

Imaxe
Gustoume D'Leria . Nese pequeno espazo con media ducia de mesas e a cociña aberta á sala, atopei unha proposta ben cos pes na terra. Unha proposta que amosou dúas caras, as dúas moi solventes. Propoñía o menú degustación, integramente do mar, dous tipos de pratos. Dunha banda, aqueles de produto puro, moi ben resoltos coa compañía certa para aportar algo sen distorsionar: as ostras, as navallas, o bonito. Doutra, aproximacións diferentes - pero con sentidiño - a pratos clásicos, que resultaron para min o mellor do xantar (porén, os menos fotoxénicos). E polo mesmo motivo: o sabor. Fantásticas a ensaladilla - esa escuma de bonito - e o salpicón - berberechos, uva de mar -. Tamén pasaron pola mesa sargo en nori e mexillóns con pementos. Na copa, o Amorodos de Atrium Vitis . Cada vez son máis de tintos dese perfil para acompañar menús: versatilidade, froita, frescor. En fin, outra xanela máis para ollar ao mar de Cortegada mentres se dá conta da despensa arousá moi ben cociñad...

Unha vez máis, coméndonos a ría de Arousa no Loxe Mareiro (Carril)

Imaxe
Non moito antes de sentarnos nos tallos da terraza, contemplabamos desde o alto da Curota a inmensidade da Ría de Arousa. Era un día de moita calor, deses de calima: a vista non era clara e a pequena illa de Cortegada apenas se distinguía entre Cabo de Cruz, o mar e o Xiabre. É unha paisaxe marabillosa a que se abrangue desde alí arriba, aínda entre a bruma. Unhas pracenteiras horas despois, a mesma Cortegada asomaba por esa xanela do Loxe Mareiro que xa é un símbolo. Para entón, deramos conta de camaróns, mexillóns, volandeiras, carneiros, sardiñas, ameixas, polbo, navallas, salmonete, xurelo; xa beberamos albariño de Sanxenxo e mencía e caíño de Ribadumia; xa nos remollaramos aproveitando que subía a marea e falaramos do divino e do humano entre grolo e grolo, entre petisco e petisco. Non foi planeado, en realidade casual o termos feito así o percorrido. Pero eu coido que case debería ser obrigatorio: que mellor xeito de apreciar, de agradecer todo o que nos da a ría desde o sit...

Evolución e seguridade no Secadeiro (Outes)

Imaxe
Abría o post sobre a anterior visita (en abril, hai dez meses) dicindo que me agrada a xente coas cousas claras. Anticipaba entón Fernando que a horta ía ir gañando protagonismo no menú; facíao coa mesma seguridade coa que, este domingo, nos falaba da evolución que íamos notar. Dicía, tamén, que ese foco nos vexetais permite xogar coa orde dos pratos, quebrar a secuencia tradicional, basicamente pasalo ben sacando o que se sinte que toca en cada momento. Podería deixar de escribir aquí, porque o parágrafo anterior é unha foto bastante precisa do que acontece no Secadeiro . Pero tamén quero xogar, contar sen orde algunha o ben que o pasamos nós tamén. Comezando polo final, polos lentellóns de Banzas con mans de porco, pega-beizos monumental antes da sobremesa. Seguindo polos xurumelos (fillos do cebolo) cunha beurre blanc de dashi. O dos fondos é cousa seria alí: a carbonara do allo porro, a demiglace vexetal da milfollas de boniato. A proteína é a secundaria de luxo no reparto do...

La Mesa de Conus (Vigo): moito máis que unha proposta diferente

Imaxe
Agardaban pacientes os pratos cos ibéricos a que os últimos comensais ocuparan as cadeiras libres na barra de dez – só dúas mesas adicionais – e a que as bebidas foran escollidas. Cando todo estivo pronto, Víctor Conus silenciaba a música e daba comezo ao menú, servido ao mesmo tempo a tódolos asistentes, cos xamóns e embutidos da empresa familiar e cunha señora croqueta. Volta a Galicia – todo á vista, todo na barra – con pratos construídos arredor do produto, onde os fondos e as salsas fan a diferenza: profundos, intensos, cheos de matices, protagonistas do menú da La Mesa de Conus ; o máximo expoñente, as fabas e o pilpil que envolvían ao mero, magníficos. Antes, unha versión en raviol do cocido, de novo cun fondo sobranceiro; igual de diferente a aproximación á vieira, cunha carbonara do seu coral, millo torrado e ovas de arenque; ou, claro, o porco: abanico con puré de castaña e mollo de carne. Eu, que son máis de salgado que de doce, agradecín moito que as sobremesas combi...

Xantar en d'Berto (O Grove) é un escándalo

Imaxe
O do restaurante d'Berto é o que se denomina, en termos técnicos, un puto escándalo. Nada máis que engadir, señorías. Percebe xigante (pedímolo de sobremesa, certo); cigala desa, da que lembras, da que se sae do prato, case 400 gramos, no punto exactérrimo; berberecho xigante tamén, esferificación natural do mar; centola da de pelexar con ela moito, terminar suando, lamber a caca; palometa vermella (a parte do pescozo, a boa, a de rabuñar as fazulas). Viño de Albamar e de Luis Anxo. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

Inspiración en Culler de Pau (O Grove)

Imaxe
Sete de xullo tras sete de xullo, puntualmente, regresamos a Culler de Pau , xa hai moitos anos. Moitos máis aínda pasaran desde aquela primeira visita no 2009. E a verdade é que a progresión ten sido abraiante. En especial nos últimos tempos, dun ano a outro nótase a evolución. Tanto, que xa teño gastadas todas as palabras para describila. Só podo dicir que cada vez gaña en completitude, en capacidade de inspirar. Digo inspirar non só polo que chega ao prato. Digo inspirar porque Javi Olleros ten que ter uns ovos xigantes para, dispondo como dispón de toda a artillería do produto do mar galego á vista desde a xanela, tente deixar gravados nos padais unha sinxela cebola ou unha modesta acelga. E tamén o talento para atinxilo. E digo inspirar porque todo por alí zumega humildade, materializada nese porse de crequenas de Javi cando se achega a mesa a explicar, sempre con brillo nos ollos, o seguinte bocado. Podería falar do impresionante prato de peixe sapo (a pel, o fígado), da...