Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Nordestada (Portosín): o que coñeces, pero mellor


Igual, cando olledes para as fotos, pensades: pero isto que nos amosas non é tan diferente doutras cousas que temos visto recentemente. É certo, estamos na vella lonxa de Portosín, en agosto, e a tempada e o produto das rías manda.

Pero vaia por diante que, se me gustou moito Nordestada, é porque case todos os pratos, se non todos, teñen ese sutil matiz que os fan diferentes, superiores.

A ensaladilla - pataca, cenoura, ovo - cremosa; o bonito de Burela ben frío, sabedor; un aceite forte, amargo: tremendo prato. A tosta de anchoa, con manteiga de allo negro, diferencial. A melosidade da berenxena complementando a prancha dos chipiróns, a intensidade das croquetas de polbo á feira. O escabeche de limóns cas navallas gordas, perfeitas de punto. Como perfeito estaba o do ollomol. Até o melón, fresquiño e con menta, foi unha sobremesa estupenda (combinado cuns camaróns, o que causou certo rebumbio 😉).

E, ademáis, escolma de viños galegos das boas. Son de Arrieiro Añadas de Xulia Bande acompañou de marabilla.

Nel Parada pasa a formar parte dos meus heroes de vila, dos que aguantan os longos invernos de Galicia facendo cousas que merecen moito a pena. E aquí estamos nós para vir gozalas e gabalas.

Comentarios