Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Un concerto de mar en Ríos O Freixo (Outes)


Seica lestes que hai unhas semanas fun ver os Foo Fighters. Entre outras cousas, porque xusto antes tocaban Queens of the Stone Age. Tremendo concerto, non menos tremenda a previa.

A fin de semana pasada foi, dalgún xeito, a versión gastronómica daquelo. Se domingo era Asador O'Pazo (post anterior), o solleiro sábado pasamos polo portiño do Freixo a gozar no Ríos O Freixo, en Outes. Os irmáns Vidal transmutados en Dave Grohl e os Ríos en Josh Homme, as guitarras en brasa e forno.

Cigalas, salpicón, carneiros ao natural. E despois, un rodaballo que xa non precisaba demostrar nada, pero fíxoo. Carne firme, zumarenta, saborosa, ese punto exacto no que o forno deixa de ser unha ferramenta e pasa a ser oficio. E Nando foi xeneroso: sacou un Sacabeira 19 de Iria Otero Mazoy, un exemplo máis (¿fan falla, a estas alturas?) do marabillosamente que envellecen os albariños ben feitos.

De sobremesa, camaróns cunha manzanilla pasada, no que xa se está a convertir nun perigoso costume 😉

Produto, precisión, viñazo. Das previas que logo un acaba lembrando como se fosen o concerto.

[Ah, e despois as paisaxes da Ría de Muros e Noia!]

Comentarios