Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Xantar en d'Berto (O Grove) é un escándalo


O do restaurante d'Berto é o que se denomina, en termos técnicos, un puto escándalo. Nada máis que engadir, señorías.

Percebe xigante (pedímolo de sobremesa, certo); cigala desa, da que lembras, da que se sae do prato, case 400 gramos, no punto exactérrimo; berberecho xigante tamén, esferificación natural do mar; centola da de pelexar con ela moito, terminar suando, lamber a caca; palometa vermella (a parte do pescozo, a boa, a de rabuñar as fazulas). Viño de Albamar e de Luis Anxo.

Comentarios