Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Lourido (Poio): cigalas XXL e berberechos moi escasos


Poñía na carta: “Cigala XL”. Xusto debaixo: “Cigala XXL”. E un pouco máis adiante: “Berberecho seleccionado (moi escaso)”. Claro, les iso e ¿que vas pedir?

E viñeron as cigalas XXL. E viñeron os berberechos moi escasos. As unhas - gordas, enchendo a boca - coa tersura da carne cocida como ten que cocerse; os outros co estourido no padal. Gozamos todo o sabor das rías namentres ollábamos para a de Pontevedra a través da fiestra do Lourido

Despois chegou o rodaballo ao forno con esas pataquiñas que lle compiten (si, son tan boas as patacas galegas que, ben asadas, compítenlle até a un rodaballo). E todo o tempo, na copa, o Do Ferreiro Cepas Vellas de Gerardo Méndez: toma máis ría!

(Grazas José Basanta pola recomendación. Non houbo espazo para os choquitos: perfecta escusa para planificar a seguinte!)

Comentarios