Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Non era o ceo, non: era Ríos O Freixo (Outes, A Coruña)


Ir cedo aos restaurantes mola moito. Eran as dúas menos dez e estabamos case sós, en silencio: aínda non chegara a turma. Sonaba jazz, Dave Douglas. Trala xanela, o peirao do Freixo e, ao lonxe, Noia e a súa ponte. O Fefiñanes III Ano do 17 comezaba a abrir.

Xa tomaramos - crus os dous - un carneiro e unha ameixa fina desas, tremendos. E estabamos dando conta dunhas zamburiñas negras de Cambados espectaculares (si, como a da foto que abre o post). Non era o ceo, non: era Galicia, que é case o mesmo. Concretamente O Freixo, no Concello de Outes, Ría de Muros e Noia. Non debería dicilo moi alto.

Faltaba a caza - a pesca - maior. O lumbrigante á prancha e o sargo ao forno. E os percebiños de sobremesa. Sobresaínte Ríos O Freixo. Sobresaínte.

Comentarios