Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Timón Bar (Ferrol): sobrasada e palo cortado de sobremesa


“Oes, Dani, a miña nai e máis eu non somos moi de doces. Podería ser de sobremesa unha taboíña desas de Maldonado, cun xereciño para acompañar?”

O tipo tentou evitar o sorriso de complicidade, pero non o conseguiu. Un anaco despois chegaban os embutidos, incluída unha tremenda sobrasada con mel e un non menos tremendo palo cortado de 20 anos de Hidalgo La Gitana.

Complicidade, informalidade, pasalo ben. Diso vai, en boa medida, o Timón Bar.

Pero non sería dabondo se non houbera a cociña que hai. Antes da sobremesa salgada chegaran o salmón marinado e as anchoas con manteiga; chegaran os callos cósmicos de Cosmik e o steak tartar; chegaran os peixes: a dourada e o salmonete. Chegaran cousas ben boas.

E claro, logo está Dani Carballeira cos seus viños. A botella condutora foi un Alma de Mar de Albamar, ben acompañada por algunhas copas máis que foron caendo.

Un sorriso, uns embutidos e un palo cortado de insospeitada sobremesa: boa escolla e bo xeito de explicar o Timón Bar.

Comentarios