Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

O Gaiteiro (Laraxe): WTF!


É, literalmente, unha casa nunha curva da Nacional, porta con porta co cemiterio de Laraxe. Pensas “WTF!” e lembras aquela gasolineira-enoteca de Luíntra.

Premes no timbre, abre Suso co seu sorriso retranqueiro e avanzas entre a madeira, as lámpadas, as botellas, a música de jazz. E volves pensar “WTF!”, como cando a prestixiosa adega de Cambados muda sen previo aviso en furancho no medio da visita.

Suso non se anda con coñas. Pedimos unha copa de tinto galego e saca unha tinta femia do Morrazo de Portela dos Bagos, puro Atlántico. ¡Non está mal para un cliente de primeira vez! Ten ollo clínico o tipo: “non estou para non arriscar”, di.

Ficamos para cear. Seguimos pola caíño, agora no Salnés, unha botella de Genoveva 2014 de Forjas del Salnés. Van saíndo espárragos, anchoas, xamón, queixo; mesmo outro “WTF!” co tremendo foie. E hai que pechar, faltaría máis, probando algún dos moitos champagnes dispoñibeis. Abraiante.

É igual que sexa unha gasolineira na Ribeira Sacra, un furancho no Salnés, unha tortilla ao lume na lareira dunha casa en Coirós ou un bar de viños de carallo do lado do cemiterio, no medio dunha estrada de Ferrolterra: O Gaiteiro. Galicia, nunca perdas esa teima polas anomalías espazo-temporais arredor de beber e comer. WTF!

Comentarios