Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

O novo rumbo do Timón Bar (Ferrol)


Hai máis ou menos un ano fomos tomarlle a última a José María Jordán ao Timón Bar, a piques de xubilarse. Algún tempo despois, coñecíamos quen lle ía dar o relevo e sorrimos: Dani Carballeira aos viños e Cosmik na cociña.

Esta fin de semana achegámonos a Ferrol para comprobar se o sorriso tiña razón de ser. E tiña.

Digamos que aconteceu unha evolución en tres tempos. Mola moito que, alén do nome, o bar en si mesmo permaneza case como na etapa anterior, á súa vez herdeira daquela Casa de Comestibles na rúa San José da Coruña.

Na cociña, varios elementos moi recoñecibles seguen na carta, como o salmón gravlax ou o steak tartare, entre outros. Pero tamén aparecen pratos novos. En calquera caso, unha proposta moi ben resolta. Nós puxémonos nas súas mans e pola mesa pasaron ostras, sopa de tomate e remolacha, bonito encebolado con figos, o steak tartare, navallas á tixola, un linguado á bilbaína e, para rematar o salgado, os “callos cósmicos”, ben bós. Larpeira e proposta doce, tamén.

Pero onde se pode apreciar o rompemento total é no viño. Tremendo o que da para gozar a escolma que hai alí preparada, tocando todos os paus con moito acerto. Ollade para as fotos.

En fin, se José María tiña algunha preocupación polo rumbo do seu legado, pode ficar ben tranquilo.

Comentarios