Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Javier Montero (Ribadeo): un motivo máis para visitar A Mariña


¡Canto pracer lle debo a aqueles cociñeiros que a inicio dos dous mil me levaran da man a mergullar no mundo da Gastronomía con G maiúsculo! Un deles, naquel cantiño detrás do estadio de Riazor que tamén ocuparan, entre outros, o Pimentón, é Javier Montero.

Despois de moitos anos nos que lle perdera a pista, reapareceu para min nun pequeno hotel - catro habitacións - á beira de Ribadeo, do seu mesmo nome.

No seu comedor, alí seguen eses pontos precisos (o peixe sapo), ese produto (o centolo, os berberechos), eses actores en principio secundarios que acadan protagonismo (os chícharos das ameixas, os champiñóns da carne, o amanteigado do brioche coa sardiña), ese balance. Tamén unha carta de viños interesante.

Se A Mariña xa era un bo destino polas súas paisaxes e vilas, agora comeza a sumar atractivas opcións gastronómicas. Espero (máis ben desexo) que non a estraguemos coa masificación que xa agroma incluso fóra do verán.

Comentarios