Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

La Buena Vida: outro lugar cos pés no chan en Madrid


Outro lugar cos pés no chan na inflacionada gastronomicamente Madrid. La Buena Vida ten un tamaño e unha carta manexables, un local acolledor, unha escolma de viño notable, un oficio que se nota desde o aperitivo (a tapenade, o tomate esmagado) e, o máis importante, cociña. Polas conversas que ouvía, tamén unha clientela asidua e fiel.

Un gazpacho monumental con carabineiro, os últimos espárragos da tempada, unha xarda desas co toque xusto de grella. Produto, oficio. Definitivamente, hai moita vida fóra dos focos en Madrid.

Comentarios