Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Pirixel (Arteixo): bo fazer a carón dunha das praias máis fermosas de Galicia


Considérome un tipo fiel aos cociñeiros dos que gosto, xa sexa como cliente recorrente do seu restaurante, xa sexa perseguíndoos cando se van movendo. Algúns dos últimos posts (e algún dos próximos, xa veredes...) van nesa liña, como a visita a Javier Montero en Ribadeo ou o reencontro con Diego en A Mundiña.

Hai moitos anos, vexo no blog que en 2008, coñecín o traballo de Suso Rodríguez, por entón no arteixán Restaurante Gómez. Perdinlle a pista por bo tempo, até que o atopei de novo moi preto, no Pirixel da praia de Barrañán.

Tardamos, pero por fin fomos o fin de semana pasado e non me sorprendeu para nada a calidade do xantar que tomamos. O salpicón de lubrigante era maiúsculo – con ese aliño que está sen estar – e moi bo tamén o arroz, ao tempo meloso e ao dente. Antes, unha veraniega ensalada de tomate, cebola e sardiña; despois, uns lombos de bonito tamén de verán, aínda con non ter chegado no climatolóxico. Non quedou espazo para a sobremesa.

Barrañán está afastado do epicentro gastronómico coruñés e o Pirixel afastado do barullo das redes sociais. Se cadra, por iso pódese achar unha cociña sinceira, de calidade e a un prezo moi razoable. ¡E a carón dunhas praias para perder horas contemplándoas!

Comentarios