Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Varra (Madrid): boa cociña arriba e abaixo


Dúas opcións nunha é Varra. Abaixo, un bar; por tanto, barra e mesas altas, ambiente animado. Arriba, mesa e mantel nun comedor cativo que invita a conversas en voz baixa.

Tamén son dous os nexos de unión entre arriba e abaixo. Dun lado, unha cociña notable. No bar, a cousa transita por roteiros máis informais: desde a tortilla ou a ensaladilla de carabineros até o crocante de orella ou o tartar de atún.

A modo de transición, algúns dos pratos máis saborosos están dispoñibles en ambos espazos: o steak tartar de picaña ou as tostas de gamba de Palamós, magníficos. Xa arriba, a cousa ponse algo máis seria: o gazpachuelo malagueño con langostino, a alcachofa confitada en sopa de foie ou o pichón.

O segundo aspecto que outorga coherencia a Varra é a excelente escolma de viños, tamén por copa, con especial mención ao Sur e ao marco de Jerez en concreto. Xa sexa arriba ou abaixo, o mellor, como sempre que hai un sumiller competente, é deixarse levar por Juanma Galán.

Só leva uns meses aberto, pero claramente é un dos lugares a ter en conta en Madrid.

Comentarios