Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Divino Steakhouse (O Burgo, A Coruña): para tamén presumir de carne


Pequena paréntese antes de pechar o percorrido andaluz. Por un momento, pasamos do peixe á carne. Porque sábado fun xantar a Divino Steakhouse e iso sempre merece ser contado.

Presumimos os galegos, con razón, de ter o mellor produto do mar e uns restaurantes que o coidan e até o melloran. Porén, non acontece o mesmo coa terra: ninguén pon en dúbida a calidade da carne galega, pero talvez non temos aínda esas referencias indiscutibles no lume, na grella.

É por iso polo que teño gabado recentemente por aqui lugares como Asador O'Pazo, Albanta ou Material: cada un no seu estilo, fan xirar a súa proposta arredor dun emprego excelente do lume.

E é por iso polo que fago esta paréntese para contar o xantar en Divino Steakhouse. Porque manexan un produto asombroso, seguindo a pista case como un fillo a cada animal. Porque dominan o lume para dar un ponto perfecto sempre e en cada ocasión. Porque rodean á peza principal de “secundarios” de luxo: a cecina, o steak tartar, o carpaccio cando o hai, unhas moelas abraiantes. Porque precisamos máis lugares así para que a nosa carne tamén trunfe nos nosos restaurantes.

Comentarios