Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Gunnen (A Coruña): a volta de Chechu Rey (que, en realidade, nunca marchara)


Entre o Chechu Rey do Agar Agar e o Chechu Rey de Gunnen hai case quince anos de tempo, co que iso supón en termos de madurez en calquera persoa. Pero tamén hai unha importante traxectoria lonxe dos restaurantes, que non lonxe dos fogóns: cociña corporativa, grandes producións que obrigan a cálculos milimetrados (de custos, de persoal) e unha relación case simbiótica co fornecedor do produto local.

Pero o becho da sala picaba e, só hai tres semanas, abría en Matogrande o Gunnen. Unha sala con tres mesas e unicamente con menú degustación, para o que tamén hai tres opcións.

E vaia se está presente a bagaxe á que me refería antes. Pratos pensados, equilibrados, buscando unha liña diferente do que se pode atopar na cidade, pero sen excesos e co produto sempre moi presente. Os snacks e a secuencia de entrantes son magníficos, con algúns pases excelentes: a cigala con verdinas e ajoblanco, a lura en tempura cun pil pil de limón, as vieiras con salvia. Quedan por facer os axustes normais nunha apertura, como o prato de mero, fantástico de tersura e punto, pero que non terminaba de callar co seu acompañamento: nada que non se poda solventar. Mención especial tamén para as sobremesas e para a adega coa axuda de Choiva Viños

En fin, una nova opción na cidade que vai dar moita ledicia, porque hai paixón, hai pes na terra e, sobre todo, porque hai cociña.

Comentarios