Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

O compromiso co auténtico de Millo (A Coruña)


A carta, unha ducia de pratos, chega acabada de facer: escrita a man, a boli negro, cos prezos remarcados en rotulador vermello. A de viños, nin sequera existe: a escolla pasa por unha conversa con Marc, tres ou catro botellas que veñen á mesa, debate e decisión. Nos altofalantes, música ultra-alternativa.

Dalgún xeito, unha declaración de principios, un compromiso co auténtico, co local, co sincero, co momento, co diálogo. Que se converte na mesa nunha mestura de clásicos e non tan clásicos do restaurante, de pratos máis preto do acostumado na cidade e doutros máis persoais.

Fomos claramente pola beira fresca, polo verán, agora que comeza a rematar. O bonito, apenas marcado, con piparras e auga de tomate; tamén, a xeito de tartar, sobre unha estupenda ensaladilla; a sardiña, en escabeche con froitos vermellos e queixo; e, para pechar moi ben os salgados, os pappardelle con steak tartar e alcaparras fritas. Un tiramisú no apartado doce e Sin Palabras 2013 de CastroBrey na copa.

Pratos baleiros, espontaneidade, diálogo. Un convite a retornar ao Millo

Comentarios