Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

La Teresa (A Coruña): un bo exemplo de que hai moito por coñecer


Ás veces - decotío - pecamos de non mirar alén deses poucos nomes que dominan a conversa gastronómica. Case sempre, detrás – afastados do balbordo, nalgúns casos pasando desapercibidos – hai un feixe de restaurantes que ofrecen propostas gastronómicas merecedoras de seren descobertas, cociñas de interese que sosteñen e enriquecen a escena culinaria dunha cidade.

A Coruña non é allea a esta situación, claro. Nin eu, por ter postergado tanto a ampliación de horizontes.

Fomos a La Teresa, entón, e tomamos uns mexillóns con holandesa de ají amarelo moi bos, igual que a berenxena con tzatziki. Oficia Andrea, un italiano, nos fogóns, e aí chegaron as alcachofas (xa sei, xa sei, en setembro) carbonara. E, agora si, unha das últimas ventrescas de bonito do verán á bilbaína. De volta a Italia, uns cannoli para rematar.

Un bo exemplo de que, fóra dos focos, hai moito por coñecer.

Comentarios