Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

2024: As mellores aperturas en Galicia


Imos agora coas novidades, con aqueles restaurantes que abriron nos últimos meses e que xa foron quen de captaren a atención, a de moitos e a miña en particular. Vou falar, principalmente, da Coruña e arredores.

Comezo con Pedra Furada, local moi preto da praia do Orzán, cunha cociña de produto ben voltada para o mar e a personalidade de Andrés Ariza manifestada en pratos que – apenas un ano despois de abriren – xa son clásicos, como a vieira con aliña de polo e coliflor.

Outra das grandes novidades é, en realidade, un retorno. O de Chechu Rey, quen abría Gunnen en Matogrande aló polo inicio do verán. A paixón, as gañas e os pes na terra de sempre, cunha cociña que recolle toda a bagaxe de máis dunha década noutras ocupacións dentro da gastronomía.

¡Que ben que se vaian asentando as opcións xaponesas na cidade! A boa noticia do ano (en realidade, de finais de 2023) foi a apertura da pequena izakaya Caballa 14 na rúa Orillamar. Bo peixe, bo marisco, bo tratamento, mollos e adubos acertadísimos.

O descubrimento máis recente, hai apenas uns días (pero suficiente para poder estar nesta relación), ten sido o Atelier de Amanda, en Mera. Unha cálida sala que acolle, desde hai pouco, o proxecto de Amanda e Summa Breogán, quen reflicte na súa cociña unha traxectoria máis que interesante.

Pecho cun restaurante que nin está na Coruña nin abriu este ano (fíxoo algo antes, a mediados de 2023). Pero, como xa falei no post sobre os restaurantes do rural, en Banzás (Outes), Eva e Fernando teñen un proxecto moi xeitoso co O Secadeiro. Baseado nas hortas (en plural: a do propio restaurante, as da bisbarra, as doutros lugares cando o produto vale a pena), acadan cousas como deixarme tolo cun prato do humilde repolo despois dun menú degustación ben destacado.

¡Oxalá 2025 traia novidades deste nivel!

Comentarios