Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): unha benvida novidade


Discreto, por tras da primeira liña de praia de Mera, nunha ruela protexida dos fodechinchos, atópase o cálido recuncho que é o comedor do Atelier de Amanda. Abriu hai pouco máis de seis meses nunha zona, Oleiros-Sada, que non está precisamente sobrada de opcións.

Así que saímos de casa cun “hai que coñecelo” na cabeza e, a metade de xantar, xa estaba instalado o “hai que volver”. Porque a cousa está ben chula, tendo en conta ademais que é un proxecto aínda novo.

Fomos polos mariscos nas entradas. Un sashimi de vieira co contrapunto dun aderezo un chisco picante, que lembraba ao pebre chileno; un notable salpicón de centola, con ese aliño neutro que non agocha o sabor do becho; e uns ourizos con velouté tostada moi bos.

Acertados puntos e fondos sabedeiros nos principais: o mollo das súas espiñas e tinta coa robaliza, a crema de castañas coa presa (ben rosadiña, como ten que ser); tamén un lomo de vaca. Carta de viños curta con cousas interesantes, como o Casal de Armán Finca Misenhora.

Vaia, que é unha moi boa noticia que xurdan proxectos de interese nesa contorna de costa tan necesitada deles. E que, ademais, quédanme ben preto da casa... 😊

Comentarios