Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

La Molinera (Lalín): talvez, o mellor cocido galego


Akami, kamatoro, chutoro, otoro, nakaochi, kama... as múltiples posibilidades e matices do atún, tan ben explotadas na cociña xaponesa (xa sexa como nigiri, temaki, sashimi, ou shirashi), sempre me fascinaran.

Non puiden evitar pensar niso cando ollaba como Diego "Moli" triscaba naquela cachucha: orella, fuciños, cara, papada. Víñase a engadir ao que xa tiñamos nas fontes: lacón, cóbado, costela; aos chourizos, de carne e ceboleiro. Cada unha coa súa personalidade, sabor, textura, intensidade, melosidade, cheiro, salgadura. O porco da casa, o noso atún.

Non había arroz, pero si patacas, garavanzos, nabizas, a carne dos outros bechos. E, do mesmo xeito que o primeiro nigiri, o que abre, é o que vai mostrar o verdadeiro nivel dun omakasé (a textura, a temperatura, o adubo do arroz), a sopa do cocido é a que marca o ton do que ven despois. E a da Molinera, nun frío día de decembro en Lalín, levantaba a un morto.

Disque o da Molinera é o mellor cocido de Galicia. Non sei se é así, nin sequera se existe algo como “o mellor cocido”. O único que sei é que é dos que non se esquecen.

Comentarios