Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Unha noite máis nese remuíño treboento que é Millo (A Coruña)


Cando chegou a vieira á mesa fixen unha viaxe no tempo a eses banquetes dos anos noventa. Centos de vieiras en enormes bandexas, recubertas de pan relado, cociñadas até o infinito – enxoitas, chiclosas – e empapadas nun mollo de tomate que lles quitaba o pouco sabor que alí puidera quedar. “Non pode ser”, pensei. E non era, claro. Porque estabamos en 2025, porque estabamos no Millo. A vieira estaba perfecta, case sen tocar, a cebola e o tomate ben integrados, a panceta dando o contrapunto.

Xusto despois, outra volta de torca, outro tramo da montaña rusa. O cocido converteuse nunha cachucha prensada, envolta nunha costra crocante máis marcada que frita. Do lado, un pastel de nabizas. E todo aglutinado por un caldo deses. Un pratazo.

Non eran só os pratos individualmente, tamén funcionou a secuencia. Porque despois da bomba anterior – graxa, potencia de sabor – a Pavlova e a súa carga cítrica facilitaran unha aterraxe tranquila no final da cea. Unha cea que comezara no mar, cun intenso salpicón de centola e raia con pesto; e cuns ourizos con chícharos e xema de ovo doces, suaves, melosos.

Agora oficia coas botellas en Millo o grande José Antonio. Del foi a recomendación dunha chenin blanc do Loira que funcionou de marabilla con pratos tan diversos.

En fin, unha noite máis nos dominios dese remuíño treboento que é Moncho.

Comentarios