Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

No Muíño do Vento (Fene, A Coruña) moitos anos despois


Contaba o outro día dos moluscos á brasa do Pirixel. Cando se fala de moluscos, en particular de ameixas, un dos grandes clásicos do norte de Galicia é o Muíño do Vento, en Magalofes (Fene).

Fomos para alá unha desapracíbel noite de inicios de ano, de xeito improvisado e despois de moito tempo sen facelo. E ben valeu a pena. As ameixas, efectivamente, monumentais. Un salpicón de lumbrigante tamén moi bo e robaliza para rematar. A sorpresa positiva, unha ben interesante escolma de viños.

Un lugar para ter en conta.

Comentarios