Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Adega O Cabalín (Valdeorras): unha historia que merece ser bebida


Coñecín o traballo de Adega O Cabalín, como tantos outros viños, por Juan en A Mano. Ese Bascois cativoume desde o primeiro momento. Casualidade ou fado, após uns poucos días, caeu unha botella de A Espedrada no Árbore da Veira. Tempo despois, xa o ano pasado, tiven a sorte de coñecer a Luis e Teresa no Forum Gastronómico. Desde entón, sempre teño os seus viños na casa.

Pero gozar dun viño é unha cousa, e bebelo despois de pisar o lugar onde nace, outra ben distinta. Este pasado sábado visitamos adega e viñas do Cabalín, en Vilamartín e Carballeda de Valdeorras, respectivamente. Pouco máis de tres hectáreas en case medio cento de parcelas, a norte e sul do Sil. Cepas vellas, moi vellas; lousa, fiuncho, xabaríns, corzos, un pombal; terras abandoadas por anos, vides case soterradas, localizadas e recuperadas con non pouco esforzo.

E, sobre todo, moita paixón e moito agarimo por esa terra, por esas prantas centenarias, por ese solo de nomes Viladequinta, A Valigota, Bascois.

Xa, xa sei que os viños seguen sendo os mesmos. Pero, despois desa mañá de sábado, o meu achegamento a eles non o é. Porque agora coñezo a historia que contan. Unha historia, amigos, que merece ser bebida.

Comentarios