Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Lémur: outro dos destacados no abrollar de Ourense


Non moi lonxe do centro, pero nunha contorna marcadamente rural - casas unifamiliares, un paseo fluvial, campos e leiras -, tres modernas torres veñen rachar a paisaxe do ourensán bairro do Polvorín.

Desde hai uns meses, no baixo dunha delas, Lémur pon o seu gran de area na metamorfose, cun espazo onde lume e produto van da man. A brasa, aquí, non é só unha técnica: é o fío condutor – a grella vasca á vista, para quen lle preste a barra.

Percorremos o mar, primeiro: carneiro e berberechos e vieiras, notábeis os moluscos; tamén kokotxas e carabineiro, ambos con ovo. E pechamos na terra, cun bo chuletón e unha escolma de queixos do país. Oficia na sala Santiago Sergio, quen non nos deixou beber mal 😉

Talvez Ourense sexa a agochada de Galicia, algo lonxe do barullo gastronómico da costa. Pero entre os locais xa asentados e novidades como esta, á forza ten que abrollar.

Comentarios